30 Anos de Leader en Galicia

 

Nas tres últimas décadas, o programa Leader permitiu apoiar 7.300 proxectos que mobilizaron máis de 930 millóns de euros, así como consolidar case 6.000 empregos e crear máis de 5.000 novos. Subliña que o impulso do desenvolvemento rural é unha prioridade para a Xunta: “Entre todos estamos a construír un rural de futuro”

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o impulso ao desenvolvemento rural do programa Leader que mobilizou máis de 930 millóns de euros no agro galego nos últimos 30 anos.

No acto de conmemoración do 30 aniversario do devandito programa, no que Alfonso Rueda estivo acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González, o titular do Goberno galego puxo en valor a filosofía do Leader, cun enfoque “de abaixo cara a arriba” que garante a participación activa dos principais axentes locais e que aposta pola cooperación entre entidades de diferentes eidos -económico, social, cultural, veciñal ou medioambiental- e as administracións.

O programa Leader, financiado con fondos públicos e privados, permitiu nestes 30 anos apoiar uns 7.300 proxectos que mobilizaron máis de 930 millóns de euros, así como consolidar case 6.000 empregos e crear máis de 5.000 novos. No último período de execución (2014-2020) aprobáronse case 1.500 proxectos que contaron con máis de 71 millóns de euros en axudas públicas e mantiveron ou crearon máis de 4.200 postos de traballo.

Nos bos resultados deste programa tiveron moito que ver os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, aos que Alfonso Rueda agradeceu o seu compromiso, traballo e profesionalidade á hora de contribuír decisivamente na creación de riqueza e emprego no rural e aos que cualificou como “aliados” na aplicación da Lei de recuperación de terra agraria ou na posta en marcha de iniciativas como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais.

 

 

Malia atoparse o programa Leader nun período de transición entre a execución do anterior programa (2014-2020) e o seguinte, no 2021 lanzouse unha nova convocatoria de axudas para a posta en marcha de proxectos cun orzamento de 16,5 millóns que permitiron seleccionar preto de 300 proxectos que mobilizarán en torno a 31 millóns de euros.

Coa mirada posta na vindeira convocatoria, a Xunta vén de lanzar unha liña de axudas dotada con case un millón de euros para apoiar aos GDR no deseño de novas estratexias participativas no marco do Leader.

O titular do Goberno galego subliñou que o impulso do desenvolvemento rural é unha prioridade para a Xunta de Galicia, con compromisos firmes como a Lei de recuperación da terra agraria, estratexias sectoriais para sectores clave como as do leite, o viño ou a carne, co Plan Forestal de Galicia ou coa futura Lei de calidade alimentaria. “Entre todos -asegurou Alfonso Rueda- estamos a construír un rural de futuro”.