Órganos de goberno

Cales son os órganos de goberno de Agader?

Os órganos de goberno de Agader son o Consello de Dirección, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Dirección Xeral. Ademais destes órganos de goberno, Agader conta cun órgano de asesoramento, consulta e participación que é o Consello Asesor. A normativa que establece e regula estes órganos de goberno e asesoramento son a Lei 5/2000, de 28 de decembro (DOG núm. 251, do 29 de decembro) e o Decreto 79/2001, de 6 de abril (DOG núm. 77, de 20 de abril).

 

O Consello de Dirección

É un órgano colexiado de goberno do cal forman parte representantes de diversas áreas da Administración Autonómica. O Consello de Dirección orienta as actuacións de Agader e realiza tarefas de supervisión e control como a aprobación de plans e estratexias de desenvolvemento rural ou a aprobación das prioridades na distribución dos recursos. Ademais, decide sobre todas as cuestións relacionadas coa organización, funcionamento e actividades propias da Axencia, sen prexuízo das facultades atribuídas aos outros órganos de goberno e xestión.

Regúlase na disposición adicional sexta, apartado catro, da Lei 2/2000, pola que se creou Agader, e nos artigos 4 e 7 do regulamento de Agader.

Composición

· Presidencia:
  Persoa titular da Consellería do Medio Rural
· Vicepresidencia:
  Persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte
· Vogalías:
  Persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural
  Persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
  Persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do FEDER e FCI
  Persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
  Persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego
  Persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo
  Persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural
  Persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia
  Persoa titular da Vicesecretaría Xeral do Medio Rural
  Persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
  Persoa titular da Secretaría Xeral de Igualdade
· Secretaría:
  Persoa nomeada polo Consello de Dirección

 

A Presidencia

É un órgano unipersoal de goberno que corresponde, por razón do seu cargo, ao/á titular da Consellería do Medio Rural. A función da Presidencia fronte a terceiros é representar Agader en toda clase de actos ou negocios xurídicos e nas accións e recursos que procedan. Na perspectiva do funcionamento interno da Axencia, a presidencia debe velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia, propor a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento da Axencia, así como ordenar a convocatoria do Consello de Dirección, fixar a orde do día e presidir as sesións.

 

A Vicepresidencia

É un órgano unipersoal de goberno que corresponde a un membro do Consello de Dirección nomeado polo propio Consello de Dirección por proposta da Presidencia. A Vicepresidencia exerce as funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia e debe substituíla en caso de ausencia ou enfermidade.

 

A Dirección Xeral

É un órgano unipersoal de goberno e será exercida, por razón de cargo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural. A Dirección Xeral ten diversas funcións, entre as cales están a execución dos acordos do Consello de Dirección, a elaboración e avaliación dos plans, estratexias e accións de desenvolvemento rural de Agader; a proposición das prioridades para a distribución dos recursos e a xestión da Axencia.

 

O Consello Asesor

É o órgano colexiado de consulta e asesoramento de Agader e de participación das administracións autonómica e local así como dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento rural de Galicia. Este órgano asesora o Consello de Dirección na elaboración de plans e estratexias de desenvolvemento rural, aconsella sobre as prioridades para a distribución dos recursos, ademais de promover e divulgar os cometidos e actividades de Agader entre os axentes económicos e sociais e entre as administracións locais.

Regúlase na disposición adicional sexta, apartado catro, da Lei 2/2000, pola que se creou Agader, e nos artigos 4 e 11 do regulamento de Agader.

Composición

· Presidencia:
  José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural e presidente da Agader
· Vogalías:
  Tomás Fernández-Couto Juanas, director xeral de Defensa do Monte e vicepresidente da Agader
  Inés Santé Riveira, directora xeral de Agader
  Alfonso Villares Bermúdez, representante da Fegamp (suplente, Julio Álvarez Núñez)
  Xosé L. Raposo Magdalena, representante da Fegamp (suplente, Óscar Fontevedra Chao)
  Sandra González Álvarez, representante da Fegamp (suplente, Leticia Santos Paz)
  Diego Sánchez Agra, representante do Sindicato Labrego Galego (suplente, Xosé Ramón Cendán Regueiro)
  Jacobo Feijoo Lamas, representante de Unións Agrarias (suplente, Óscar Pose Andrade).
  Francisco Bello Bello, representante de Asociación Agraria de Galicia (suplente, Juan Pérez Sánchez-Orozco)
  Manuel D. Formoso Moledo, representante da Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña (suplente, Jesús R. Longueira Súarez)
  Domingo Rey Seijas, representante da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo (suplente, J. Ángel Redondo Alba)
  José M. Rosas Otero, representante da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra (suplente, Francisco J. Martínez Durán).
  Rosa Celia Otero Raña, representante do Consello Galego de Consumidores e Usuarios (suplente, Mª Josefa García Hermida)
· Secretaría:
  Correspóndelle á persoa titular da secretaría do Consello de Dirección da Agader