Preguntas frecuentes

Quen xestiona o Banco de Terras de Galicia?

O Banco de Terras de Galicia é un instrumento de mobilidade de terras da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia xestionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Que normativa básica é de aplicación ao Banco de Terras de Galicia?

A Lei 11/2021 regula o funcionamento do Banco de Terras de Galicia. De acordo co disposto nela foron aprobados polo Consello de Dirección de Agader os seguintes documentos que tamén son de aplicación:

  1. Regras para a xestión dos arrendamentos dos predios do Banco de Terras de Galicia, aprobadas o día 20.04.2022

  2. Condicións xerais nas que se realizará a prestación dos servizos do Banco de Terras de Galicia e os negocios xurídicos derivados deles, aprobadas o día 30.05.2022

Tamén é de aplicación a Orde do 19 de abril de 2022 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñible en concorrencia (código de procedemento MR711B).

Que tipo de procedementos se levan a cabo no Banco de Terras de Galicia?
  1. Conforme a Lei 11/2021 poden levarse a cabo os seguintes procedementos: a) Incorporación de parcelas ao Banco de Terras de Galicia, ben sexan de titularidade de Agader ou de terceiras persoas.

  2. Arrendamentos para actividades agrícolas, gandeiras, forestais ou mixtas.

  3. Cesións temporais gratuítas. No caso de parcelas propiedade de Agader poderán cederse a entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro para fins de interese social ou de mellora ambiental, ou á persoa titular dalgunha das parcelas coas que estreme para a súa limpeza. No caso de parcelas que non sexan da titularidade de Agader debe constar o consentimento da persoa titular.

  4. Cesión gratuíta con transmisión de propiedade, a entidades do sector público para o cumprimento dun fin de interese social ou mellora ambiental ou a implantación de infraestruturas.

  5. Alleamento (transmisión en propiedade) das parcelas das que é titular Agader, a través dun procedemento de adxudicación directa ou de poxa que aínda non está desenvolvido.

Que tipos de parcelas se poden incorporar ao Banco de Terras de Galicia?
  1. Masas comúns das concentracións/reestruturacións parcelarias con acordo firme posterior á entrada en vigor da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria de Galicia. O seu titular é ademais Agader.

  2. Predios que sexan adquiridos por Agader para mobilizalos a través do Banco de Terras de Galicia.

  3. Predios que outras entidades públicas lle adscriban a Agader ou lle cedan a xestión.

  4. Predios que Agader adquira tras un proceso de investigación de titularidade recollido na Lei 11/2021.

  5. Montes veciñais en man común cando se extinga ou desapareza a súa comunidade ou cando sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación.

  6. Predios incorporados nos procedemento de polígonos agroforestais, aldeas modelo e actuacións de xestión conxunta.

  7. Predios incorporados de forma voluntaria polas súas persoas titulares.

Se son titular dunha parcela, que significa incorporala ao Banco de Terras de Galicia?

Incorporar unha parcela ao Banco de Terras significa que o Banco de Terras a ofertará en arrendamento para aproveitamentos agrícolas, gandeiros ou forestais, segundo o caso. No caso de que algunha persoa estea interesada no seu arrendamento, Agader levará a cabo todos os trámites necesarios para arrendar a parcela, actuando en representación da persoa titular e manténdoa informada en todo momento.

Se son titular dunha parcela, que garantías me ofrece o Banco de Terras de Galicia ao incorporala?

O Banco de Terras ofrece ás persoas que incorporan as súa parcelas tres tipos de garantías: en primeiro lugar, a propia de sermos un instrumento público e con capacidade de interlocución e mediación no caso de conflito; en segundo, a de devolver o predio cando remate o arrendamento en condicións polo menos iguais ás do comezo; e, en terceiro que levará a cabo unha actividade de supervisión para garantir o cumprimento das condicións do contrato de forma que se non se cumpren representará á persoa titular na busca de solucións.

Son titular dunhas parcelas, podo solicitar incorporalas ao Banco de Terras de Galicia en calquera momento? Que teño que facer?

A persoa titular pode solicitar a incorporación das súas parcelas ao Banco de Terras de Galicia en calquera momento. Debe presentar unha solicitude dirixida a Agader coa documentación que acredite a identidade das persoas titulares, unha certificación bancaria ou declaración de ser titular da conta bancaria que se vinculará ao expediente e a documentación que acredite a titularidade. O escrito debe presentarse nun rexistro da Xunta de Galicia ou equivalente (incluído tamén rexistro electrónico) ou por correo postal. Na actualidade non existe un procedemento regulado polo que non existe un formulario tipo para presentar a solicitude, pero a través de https://sitegal.xunta.gal/sitegal se facilita a xeración da solicitude coa información necesaria.

Se son titular dunha parcela e a incorporo ao Banco de Terras de Galicia, hai un prazo mínimo a cumprir para tela no Banco de Terras de Galicia?

Si, ao incorporar a parcela a persoa titular comprométese a tela incorporada no Banco de Terras de Galicia durante polo menos un período de 3 anos. Tras ese período a persoa titular pode, se así o desexa, solicitar a súa exclusión, salvo que a parcela estea arrendada, que nese caso deberá manterse o contrato de arrendamento.

Se son titular dunha parcela e a incorporo ao Banco de Terras de Galicia, podo establecer eu o prezo de arrendamento para o que se oferte?

Si, pero coa limitación de que como mínimo debe ofertarse aos prezos de referencia que teña en cada momento aprobados Agader. Isto non será de aplicación no caso de arrendamentos pactados ou de mutuo acordo.

Que é o prezo de referencia?

É o prezo fixado en función do tipo de actividade, da superficie, da localización do predio e, de ser o caso, da súa calidade agronómica, por acordo do Consello Reitor de Agader. Este prezo é o prezo mínimo de arrendamento, salvo no caso de arrendamentos pactados ou de mutuo acordo.

Se son titular dunha parcela e a incorporo ao Banco de Terras de Galicia, podo establecer outras condicións do arrendamento ademais do prezo?

Si, a persoa titular pode propor a duración do contrato de arrendamento futuro así como outras condicións que afecten ao uso e aproveitamento do predio. Ditas condicións teñen que ser aceptadas por Agader. No caso de que a persoa titular non propoña duración para o contrato de arrendamento, por defecto considérase que se a parcela se ofrece para arrendamentos agrícolas ou gandeiros a persoa titular está de acordo con arrendala por períodos de 5 anos e se se oferta para aproveitamentos forestais por períodos de 20 anos.

Pode ser incorporada ao Banco de Terras de Galicia calquera parcela, ou existe algún tipo de limitación?

Non se incorporará unha parcela ao Banco de terras cando:

  1. Non sexa terra agroforestal.

  2. Cando a normativa sectorial de aplicación (urbanística, patrimonial, natureza, …) non permita ou limite totalmente o seu uso e aproveitamento.

  3. Cando non se acredite que a persoa solicitante é titular da parcela.

  4. Cando exista algunha situación sobre a parcela ou esta teña dereitos, cargas ou gravames que impidan o seu uso e aproveitamento como por exemplo: vertedoiros, construcións, instalacións …

  5. Por razóns de índole técnica, agronómica ou forestal debidamente xustificadas.

  6. Cando o terreo non se atope nas condicións debidas de mantemento ou xestión forestal, excepto no caso de arrendamentos pactados.

  7. Cando o seu titular teña xa arrendada ou cedida a parcela a unha terceira persoa.

  8. Cando o uso que se propón non é admisible no Catálogo de solos agropecuarios ou forestais de Galicia.

Ademais por resolución da Dirección Xeral de Agader pode establecerse un tamaño mínimo de parcela, na actualidade non está aprobada ningunha limitación ao respecto.
Se son titular dunha parcela e esta é arrendada, teño que reclamarlle eu ao arrendatario o pago da renda? Ten algún custe incorporar as miñas parcelas ao Banco de Terras de Galicia?

Se unha parcela é arrendada é o Banco de Terras quen tramita o cobro da renda ao arrendatario e o seu pago ao titular a través de transferencia bancaria. Neste proceso descóntaselle un 1% ao titular en concepto de gastos de intermediación. No caso de que a parcela non estea arrendada a persoa titular non ten que facer o pago de ningún importe.

Se teño interese en arrendar unha parcela, que procedemento teño que seguir? Podo solicitar unha parcela en arrendamento en calquera momento? Que teño que facer?

Existen dous tipos de procedementos, o procedemento con concorrencia e o procedemento sen concorrencia. Na actualidade so está desenvolto o procedemento con concorrencia polo que a petición en arrendamento para actividades agrícolas, forestais e mixtas so se pode realizar a través deste procedemento.

Para solicitar unha parcela en arrendamento débese tramitar a solicitude a través do procedemento MR711B.

Este procedemento ábrese todos os anos o 1 de novembro e o 1 de maio durante un período de 15 días hábiles. Durante ese período poderanse solicitar as parcelas que estean dispoñibles para solicitar en concorrencia en https://sitegal.xunta.gal/sitegal. Aquelas persoas que teñan obrigación de comunicarse de forma electrónica coa administración deberán tramitar as súas solicitudes de forma telemática, o resto de solicitantes poden elixir presentalas de forma presencial ou telemática.

Nun período habilitado para a tramitación de solicitudes de arrendamento en concorrencia para o procedemento MR711B, existe limitación ao número máximo de solicitudes?

Si, en cada período soamente se poderán presentar 10 solicitudes como máximo, debendo establecer en cada unha delas a prioridade.

Podo solicitar en arrendamento calquera parcela para calquera uso?

Non. As parcelas ofértanse para uns aproveitamentos principais determinados de forma que o uso debe encaixar nese aproveitamento principal. Os aproveitamentos principais son:

  • Agrícola.

  • Gandeiro.

  • Forestal madeireiro.

  • Outros aproveitamentos forestais.

No acordo do Consello de Dirección de Agader do 20.04.2022 defínense os tipos de aproveitamentos. No caso de que se solicite o arrendamento para unha plantación forestal seralles de aplicación a Orde do 19 de maio do 2014 (DOG Núm. 106, do 05.06.2014), pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais modificada pola Orde do 9 de febreiro do 2021 (DOG Núm. 39 do 26.02.2021), ou polas normas que a substitúan, modifiquen ou complementen.
Onde podo consultar as parcelas que están dispoñibles para solicitar en arrendamento?

Poden consultarse en sitegal. Só poderán ser obxecto de solicitude de arrendamento aquelas parcelas que estean no estado “Dispoñible”

Para poder arrendar parcelas teño que dedicarme profesionalmente á agricultura ou a silvicultura?

Non necesariamente. Calquera persoa interesada pode arrendar predios no Banco de Terras de Galicia.

Que sucede se varias persoas solicitan a mesma parcela á vez?

Son de aplicación os criterios de puntuación aprobados no Consello de Dirección do 20.04.2022 e recollidos na Orde pola que se regula o procedemento MR711B. Quen acredite ter maior puntuación será a persoa á que se lle adxudique o arrendamento.

Unha vez solicitada en arrendamento unha parcela, podo desistir da miña solicitude?

Si. Non obstante se unha persoa solicita o arrendamento, se lle adxudica e unha vez adxudicado a persoa non formaliza o contrato de arrendamento, iniciarase un procedemento para inhabilitala para non poder arrendar parcelas durante un período de 2 anos, agás no caso de forza maior ou causa debidamente xustificada.

Que é un arrendamento pactado ou de mutuo acordo?

É aquel arrendamento no que a persoa titular pacta as condicións de prezo, duración e uso con outra persoa. Neste caso a parcela non se ofrece a ningunha outra persoa e non rexen as limitación en canto ao uso e estado da parcela pero si en canto ao resto de condicións da normativa. Este procedemento pode solicitarse ao longo de todo o ano e na actualidade non está regulado especificamente.

Por canto tempo podo arrendar unha parcela do Banco de Terras?

O prazo máximo para arrendar unha parcela é de 70 anos para usos forestais e 30 para usos agrícolas. Non obstante, o titular das parcelas pode establecer unha duración máxima do arrendamento. No caso das parcelas de titularidade de Agader o prazo máximo de arrendamento ven determinado polo disposto no acordo do Consello de Dirección de Agader do 20.04.2022.