Zonas preferentes

Zonas de concentración ou reestruturación parcelaria que presenten un abandono superior ao 50% do seu ámbito (art. 70.1.a da Lei 11/2021)

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia establece como zonas preferentes para o desenvolvemento de polígonos agroforestais de iniciativa pública aquelas zonas de concentración ou reestruturación parcelaria que presenten un abandono superior ao 50%. Ademais, esta lei fixa a superficie mínima dos polígonos en 10 hectáreas, aínda que esta última condición pode ser exceptuada.

No conxunto de Galicia existen máis de dous mil (2.094)  masas de concentración ou reestruturación parcelaria nas que máis da metade da súa superficie presenta un estado de abandono, entendendo que a cobertura de mato é un indicador desta condición e segundo os datos do Sistema de Información sobre Ocupación do Solo de España (SIOSE 2017). Estas masas supoñen un total de 28.092 ha (un 6 % da superficie concentrada), nas que se ten realizado unha notable inversión en infraestrutura viaria e acondicionamento de terreos para a mellora da estrutura territorial e nas que a propiedade da terra está regularizada. 

Ao considerar a restrición de superficie maior de 10 ha, o número de masas con abandono baixa de 2.094 a 707, é dicir, redúcese a un terzo. Sen embargo, este terzo das zonas supón o 86 % da superficie total das masas con abandono (24.133 ha dun total de 28.092 ha).

No mapa que se presenta a continuación localízanse as zonas preferentes para o desenvolvemento de polígonos agroforestais de iniciativa pública correspondentes ás 707 masas de concentración ou reestruturación parcelaria de superficie maior de 10 ha nas que máis do 50% desta superficie está ocupada por mato. Este mapa pode descargarse nos seguintes enlaces, tanto en formato SIX como pdf.

 

A nivel provincial é Ourense a provincia que presenta un maior número e superficie de masas de concentración ou reestruturación parcelaria que compren estas características (38% das masas e 32% da superficie), seguida de Lugo (23% das masas e 30% da superficie), A Coruña (22% das masas e da superficie) e Pontevedra (16% das masas e da superficie).