Guía de axuda

Que son os GDR?
A que GDR pertence o meu concello? 
Canto é o orzamento da última convocatoria de axudas Leader? 
Cal é a cantidade que lle corresponde ao GDR da miña zona?
Quen pode solicitar as axudas?
Cal é o prazo e o período de presentación de solicitudes?
Que tipo de proxectos poden obter axuda? 
Que pode ser subvencionable dentro do meu proxecto?
Como podo presentar o meu proxecto?
Como se seleccionan os proxectos presentados?
Que sucede si se esgota o crédito nunha convocatoria e o meu proxecto tivo unha cualificación favorable pero non resulta elixido? 
Esta subvención é compatible con outras axudas?
Cal é o prazo para executar o proxecto?
Podo solicitar unha prórroga do prazo de execución?
Podo renunciar ou desistir da axuda concedida?
Que obrigas teño unha vez cobrada a subvención?
Podo modificar o meu proxecto unha vez concedida a axuda?
Por que causa estaría obrigado a devolver a totalidade ou parte da subvención? En que casos se pode efectuar un reintegro da subvención concedida?
Como realizo a xustificación dos investimentos para presentar a solicitude de pagamento?
Podo solicitar unha axuda para gastos ou inversións que xa están iniciadas no momento da solicitude?
Se o meu proxecto está relacionado coa actividade turística, que teño que facer?
Poden subvencionarse fases dun proxecto?

 

Que son os GDR?

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) son entidades que colaboran na xestión da medida LEADER da Unión Europea, que se aplica en zonas rurais con fondos FEADER. Os GDR están constituídos por unha asociación ou Grupo de Acción Local que agrupa a organismos públicos (concellos), e colectivos de representación social, veciñal, empresarial, asociacións, etc. do territorio que abarca o GDR.
 
Están dotados dun equipo técnico (xerencia, técnicos, administrativos…), e tamén de órganos decisorios (asemblea xeral, xunta directiva ou equivalentes). Cada un dos 24 GDR constituídos en Galicia elabora unha estratexia de desenvolvemento para o seu territorio, dentro dos criterios establecidos na medida Leader, e neste caso no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR 2014-2020).

 

A que GDR pertence o meu concello?
 

 

Canto é o orzamento da última convocatoria de axudas Leader?

Publicada no Diario Oficial de Galicia o 29 de decembro, a Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Para a convocatoria bianual de proxectos Leader 2023-2024 destínanse máis de 15 millóns de euros distribuidos en dúas anualidades:

· 2023:  3.056.886,80 €
· 2024:  12.227.547,54 €

 

Cal é a cantidade que lle corresponde ao GDR da miña zona? 

Distribución por GDR para o financiamento da submedida 19.2 de Leader (apoyo para a realización de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local)
Convocatoria 2023-2024 Número e nome do GDR  Anualidade 2023 (€) Anualidade 2024 (€) Suma anualidades 
2023 e 2024 (€)
GDR 01: Terras de Miranda  111.605,48 446.421,92 558.027,40
GDR 02: Terra Cha  148.452,08 593.808,32 742.260,40
GDR 03: Montes e vales orientais  172.829,06 691.316,24 864.145,30
GDR 04: Comarca de Lugo 113.397,85 453.591,41 566.989,27
GDR 05: Miño Ulla  130.087,21 520.348,85 650.436,07
GDR 06: Ribeira Sacra Courel  162.699,36 650.797,45 813.496,82
GDR 07: Valdeorras 132.266,47 529.065,87 661.332,34
GDR 08: Sil Bibei Navea  168.558,16 674.232,64 842.790,80
GDR 09: Monteval  128.148,88 512.595,53 640.744,41
GDR 10: A Limia Arnoia  142.078,58 568.314,34 710.392,92
GDR 11: Adercou  113.397,85 453.591,41 566.989,27
GDR 12: Carballiño Ribeiro  120.921,21 483.684,83 604.606,03
GDR 13: Condado Paradanta  111.605,48 446.421,92 558.027,40
GDR 14: Galicia Suroeste Eurural  112.861,25 451.445,01 564.306,26
GDR 15: Pontevedra Morrazo  116.716,01 466.864,05 583.580,07
GDR 16: Pontevedra Norte  137.807,69 551.230,74 689.038,43
GDR 17: Salnés Ulla Umia  111.605,48 446.421,92 558.027,40
GDR 18: Deloa  111.605,48 446.421,92 558.027,40
GDR 19: Terras de Compostela  111.605,48 446.421,92 558.027,40
GDR 20: Ulla Tambre Mandeo  121.129,28 484.517,10 605.646,38
GDR 21: Ordes  112.105,63 448.422,53 560.528,16
GDR 22: Costa Morte  126.320,06 505.280,25 631.600,31
GDR 23: Mariñas Betanzos   117.252,61 469.010,45 586.263,07
GDR 24: Seitura 22  121.830,14 487.320,57 609.150,71
Importes totais 3.056.886,80 12.227.547,20 15.284.434,00

 

Quen pode solicitar as axudas?

· As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado
· As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores
· As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades

Máis información:  artigo 3 das Bases

 

Cal é o prazo e o período de presentación de solicitudes?

O prazo de presentación de solicitudes que concorrerán nesta convocatoria rematará o 31 de xaneiro de 2023.

 

Que tipo de proxectos poden obter axuda?

Os proxectos deben estar localizados no ámbito territorial do GDR, ser viables técnica e financeiramente (se son de natureza produtiva tamén deben ser viables economicamente), cumprir coa normativa sectorial aplicable, non estar iniciados no momento da presentación da solicitude de subvención, e ter encadramento na estratexia de desenvolvemento que aprobou cada GDR.

Considéranse proxectos produtivos aqueles que supoñan unha actividade económica con fin lucrativo para a produción de bens e/ou servizos, e que conleve a creación e/ou mantemento do nivel de emprego.

A intensidade da axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €.

Doutra banda, serán considerados como proxectos non produtivos aqueles que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa (dirixidos a entidades públicas e entidades privadas sen ánimo de lucro).

A intensidade da axuda situarase entre un mínimo do 30 % e un máximo do 100 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €, non obstante poderán acadarse os 250.000 € no caso de que o proxecto non deba ampararse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo ás axudas de minimis e sempre que a Agader o autorice expresamente.

 

Que pode ser subvencionable dentro do meu proxecto?

Baixo determinadas condicións descritas no artigo 4 do Anexo 1 da Resolución de 13 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (D.O.G nº 246/2019 de 27 de decembro), son subvencionables:

a. A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser empregados no proxecto. No caso de adquisición de inmobles, hasta o 50 % do total dos gastos subvencionables
b. A adquisición de terreos ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables
c. A adquisición de maquinaria e equipamento novos
d. Os investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos e publicacións
e. Os custos xerais vinculados aos gastos de investimento do proxecto, tales como honorarios a técnicos e asesores, hasta o 12 % do custo total subvencionable
f. Os gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade, así como a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas. A suma dos gastos dos puntos "e" e "f" non poderá superar o 20 % do total dos gastos subvencionables do proxecto
g. Os medios e equipos de transporte, segundo sexa a natureza do proxecto

 

Como podo presentar o meu proxecto?

Dirixindo unha solicitude de axuda ao GDR correspondente ao territorio no que se vaia executar o proxecto, segundo modelo normalizado que se incorpora as bases reguladoras como anexo II (enlace bases).

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,  https://sede.xunta.gal  xunto coa documentación requirida. 

Máis información: artigo 9 das Bases.

Lembra, que ante calquera dubida ou consulta previa podes poñerte en contacto co persoal do teu GDR, onde recibirás unha completa información.

 

Como se seleccionan os proxectos presentados?

Cada GDR ten establecida na súa estratexia de desenvolvemento un procedemento de selección e priorización de proxectos coa súa correspondente puntuación.

Unha vez admitida a solicitude, o equipo xestor do GDR procede a súa tramitación e emite os informes de viabilidade, capacidade, e da solvencia técnica, financeira e económica do promotor, para seguidamente ser verificados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Unha vez devolta esa verificación, a directiva de cada GDR propón cales son os proxectos a aprobar por orde de puntuación, hasta o límite máximo de crédito dispoñible para cada medida dese GDR. Así mesmo, tamén teñen encomendadas as funcións de control e seguimento da execución dos proxectos subvencionados.

Finalmente, Agader é o órgano administrativo que emite as resolucións definitivas para a concesión ou denegación das axudas.

 

Que sucede si se esgota o crédito nunha convocatoria e o meu proxecto tivo unha cualificación favorable pero non resulta elixido? 

Unha vez que contan cos informes de control e verificación favorables, a elixibilidade dos proxectos depende da puntuación obtida en función dos baremos e criterios establecidos na propia estratexia de cada GDR.

Esgotado o crédito, pode haber unha lista de agarda para os proxectos xa verificados pola Agader que non acadaran a puntuación suficiente. Esta lista de agarda permite relevar a aqueles proxectos propostos polo GDR que puideran decaer por desistimento, renuncia, ou perda de dereito, e de non producirse estes casos, o teu proxecto poderá entrar na seguinte convocatoria.

 

Esta subvención é compatible con outras axudas?

Si, sempre que as outras axudas non teñan fondos comunitarios (UE), ou téndoos non se refiran ás mesmas partidas, e no seu conxunto non superen o 100% do custo do proxecto para o que se solicita a axuda.

En todo caso, a persoa promotora ten a obriga de comunicar a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos públicos ou privados que financien as operacións subvencionadas, no momento en que se coñeza, e sempre, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

 

Cal é o prazo para executar o proxecto?

O prazo máximo para executar o proxecto será o que se determine na resolución de concesión da axuda, non podendo exceder en ningún caso de 18 meses.

 

Podo solicitar unha prórroga do prazo de execución?

Se por algún motivo te ves na obriga de solicitar unha ampliación do prazo de execución e xustificación, por modificacións no orzamento do proxecto, ou no seu financiamento, poderás solicitar a Agader, a través do GDR, unha prórroga antes do remate do prazo de xustificación, acompañando unha memoria xustificativa da situación actual do proxecto, causas do atraso na execución e previsión e prazos de finalización.

A prórroga non poderá ser superior á metade do prazo concedido inicialmente, e a súa concesión é potestativa por parte da AGADER, dependendo do calendario de xestión e das dispoñibilidades orzamentarias do programa Leader de Galicia.

 

Podo renunciar ou desistir da axuda concedida?

En calquera momento da tramitación do expediente, e en todo caso antes da finalización do prazo de execución do mesmo que estableza a resolución de concesión da axuda, se pode desistir ou renunciar á axuda solicitada, a través do teu GDR mediante os documentos normalizados de desistimento ou renuncia.

 

Que obrigas teño unha vez cobrada a subvención?

· Respectar o destino do investimento, polo menos, durante os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final
· Manter os empregos consolidados durante os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final do proxecto
· Manter durante os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final do proxecto os empregos que teña a obriga de crear, segundo a valoración acadada en re­lación con este punto nos criterios de selección
· Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo me­nos, durante o período de permanencia dos investimentos e está obrigado a facilitar a in­formación que lle requira a Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes
· Levar un sistema de contabilidade, e dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debida­mente auditados
· Publicitar a concesión da axuda segundo o establecido nas bases reguladoras

En todo caso, todas as obrigas estarán establecidas expresamente na resolución de concesión da axuda.

Máis información: Artigo 19 das Bases.

 

Podo modificar o meu proxecto unha vez concedida a axuda?

Si. Podes solicitar por escrito a modificación do proxecto unha vez ditada a resolución de concesión e antes de que remate o prazo para a realización do proxecto. 

Agader poderá autorizar dita modificación, sempre que non se desvirtúe a finalidade para a que foi concedida, que non se incremente o orzamento, e que non cause prexuízo a terceiros. 

 

Por que causa estaría obrigado a devolver a totalidade ou parte da subvención? En que casos se pode efectuar un reintegro da subvención concedida?

No caso de que derivado da análise da solicitude de pagamento se detecte que un incumprimento atinxe ao compromiso de creación de emprego ou a calquera outro compromiso derivado da aplicación dos criterios de selección ao proxecto, estes incumprimentos poderán supoñer a tramitación dun expediente de perda do dereito ao cobramento da subvención e o reintegro parcial ou total da axuda percibida.

 

Como realizo a xustificación dos investimentos para presentar a solicitude de pagamento?

· O beneficiario das axudas deberá presentar a xustificación documental dos gastos ou investimentos vinculados á operación subvencionada dentro do prazo máximo previsto na resolución de concesión da axuda.
· Para estes efectos, o beneficiario presentará no rexistro do GDR a solicitude de pa¬gamento, segundo o modelo normalizado (anexo XI) que estará ao dispor dos interesados na sede do GDR. No suposto de que o beneficiario sexa o GDR, a solicitude de pagamento dirixirase directamente a AGADER. 

A presentación da solicitude de pagamento, así como, se é o caso, a remisión da documentación complementaria, realizarase nos mesmos termos que se establecen no artigo 9 destas bases reguladoras.

Máis información: Artigo 24 das Bases.

 

Podo solicitar unha ayuda para gastos ou investimentos que xa están iniciados no momento da solicitude?

Non, en ningún caso. O equipo xestor do GDR comprobará que no momento da solicitude non se teñan iniciadas as correspondentes obras ou investimentos para os que se vai a tramitar a axuda.

 

Se o meu proxecto está relacionado coa actividade turística, que teño que facer?

Ademais da tramitación común a todos os expedientes, o promotor deberá achegar unha memoria descritiva do proxecto, acompañada dos seus planos, e presentala na Área Provincial de Turismo para a obtención do correspondente informe previo.

Xunto ao resto de documentación deberei achegar tamén información urbanística da parcela ou do inmoble para o que se solicita a axuda, acudindo ó concello.

 

Poden subvencionarse fases dun proxecto?

Non. Os proxectos teñen que ser finalistas, e na data da xustificación os investimentos terán que cumprir cos obxectivos previstos na solicitude da axuda.