Leader

Que é o Leader?

 

 

 

O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.

En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999, 2000-2006 e 2007-2013 ademais de aplicarse os programas das propias Iniciativas Comunitarias LEADER (LEADER, LEADER II e LEADER +), leváronse a cabo outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamento, levaron distintos nomes, como PRODER, PRODER II ou AGADER, de xeito que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.

 

Quen pode participar?

Todas as entidades públicas ou privadas que desenvolvan a súa actividade nas áreas territoriais definidas do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental, profesional, comunidades de montes etc. non só poden senón que deben implicarse no programa LEADER do seu territorio.

 

Como se pode participar?

O programa LEADER de cada territorio deséñao e execútao un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional que desexen implicarse. Estas entidades funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” polo que están obrigadas a admitir calquera organización do seu territorio que desexe participar no programa.

 

Como funcionan os GDR?

O Grupo de Desenvolvemento Rural elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúense cales son as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio do punto de vista produtivo, económico, dotacional, social etc. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa para o período 2007-2013 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor do programa LEADER en Galicia.

O grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a estratexia deseñada para ese territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasládase a AGADER que, logo de revisar que a atribución do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.

 

As subvencións

Calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación dun Grupo de Desenvolvemento Rural pode solicitar unha subvención. Os promotores non precisan formar parte do GDR para obter financiamento do programa LEADER. O que se debe ter en conta é que en función do proxecto pode haber restricións adicionais que recolle a normativa de aplicación (ex: para os proxectos de natureza económica exclúense as grandes empresas).

A valoración do GDR determinará a porcentaxe de subvención para cada proxecto. Así e todo, para os proxectos de natureza produtiva – os que se destinan a producir bens ou prestar servizos orientados ao mercado – non han superar nunca o 50% de axuda pública. Pola contra, os proxectos de natureza non produtiva – os que se destinan á prestación de servizos públicos gratuítos, a dotacións ou a mellorar a calidade de vida no rural – poden chegar a acadar o 100% do financiamento, aínda que como norma xeral o promotor sempre deberá facer algunha achega.

 

Metodoloxía Leader

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “procesos de abaixo cara a arriba”. A estratexia ou programa de desenvolvemento defínese no ámbito local ou comarcal e as decisións, liñas que se propoñen, proxectos que se financian..., son tomadas nese mesmo ámbito por unións (partenariados) de axentes públicos e privados, os chamados Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Implica unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só o sector primario, como no resto de dimensións sociais: equipamentos, servizos e dotacións públicas, patrimonio cultural, medioambiente, relacións sociais ...

Incorpórase a innovación como un elemento relevante, non entendida unicamente como elemento tecnolóxico, senón como novos xeitos de enfrontar os procesos no territorio, a solución de problemas, a participación e implicación da poboación, a satisfacción das necesidades... Un último elemento definitorio da metodoloxía LEADER é o traballo en rede e a cooperación entre territorios xa que a aposta por un medio rural vivo pasa por establecer alianzas entre os distintos territorios rurais.

 

Leader 2014-2020
 

Marco Normativo

No marco do PDR  de Galicia 2014-2020 Agader vai tramitar a medida 19 Leader, amparada así mesmo por o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen  disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, regula no título III, capítulo II o desenvolvemento local participativo (DLP)

Esta actuación dá continuidade a programas Leader anteriores tales como a iniciativa experimental (Leader I), pasando polos programas Leader II e Leader Plus, ata consolidarse no período 2007-2013 coma o eixe 4 do PDR de Galicia.

 

O enfoque Leader

O enfoque LEADER persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “Procesos de abaixo cara arriba”, é dicir, as estratexias ou programas específicos de desenvolvemento rural definisen no ámbito local do territorio, e as decisión sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian son tomadas nese mesmo ámbito por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa).

Para asegurar esa participación da sociedade rural constituíranse os Grupos de desenvolvemento rural (GDRs), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento.

Estes GDRs implican polo tanto unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só do sector primario, como no resto de dimensións sociais; equipamentos, servizos e dotacións públicas, defensa dos valores patrimoniais e medioambientais, relacións sociais, traballo en rede, etc.

Tendo en conta as características específicas do territorio rural galego e o xa citado obxectivo  de contribuír á estratexia europea 2020 acadando un desenvolvemento territorial equilibrado, incluíndo a creación e a conservación do emprego, o enfoque Leader para o período 2014-2020 en Galicia, orientarase á consecución prioritaria dos seguintes, obxectivos:

· Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.
· Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.
· Favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.
· Garantir a sostibilidade da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.
· Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.
· Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

Coa finalidade de estender  a aplicación da metodoloxía LEADER o máximo posible, o territorio elixible será todo o rural galego, coa excepción das entidades singulares de poboación que superan os 6.000 habitantes nas provincias atlánticas da Coruña e de Pontevedra ( xunto cos terminos municipais de A Coruña e Vigo). Nas provincias de Lugo e de Ourense, en liña cos obxectivos dos Plans Impulsa Lugo e  Impulsa Ourense da Xunta de Galicia, preténdese unha discriminación positiva en favor destas provincias mais rurais, tendo en conta o déficit de tecido produtivo e de servizos en relación coas provincias atlánticas. É por iso que nas citadas provincias de Lugo e de Ourense, unicamente se excluirá como territorio elixible as entidades singulares de poboación que superen os 10.000 habitantes.