Kick Off Conference 30.06.2023

 

O pasado 30 de xuño, o conselleiro do Medio Rural, José González, participou acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, nos actos de inauguración da iniciativa Down to Earth. Este proxecto busca crear políticas que conduzan a un mellor uso das ferramentas e os recursos dispoñibles e a promover o desenvolvemento sostible; así como a aumentar a resiliencia ambiental das comunidades rurais de Europa. O titular de Medio Rural destacou o labor da Consellería para xerar un desenvolvemento rural sostible e que posibilita o crecemento do tecido económico destas áreas.

 

 

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, referente en Europa

Así, José González salientou o traballo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como un referente en Europa polo seu labor a prol do agro galego. Neste senso, o conselleiro fixo referencia á Lei de recuperación agraria que mobilizou xa – en dous anos- arredor de 10.000 hectáreas. O titular de Medio Rural destacou as aldeas modelo -hai 21 declaradas en Galicia- como un xeito de “devolver a estes núcleos de poboación o papel protagonista que sempre tiveron na ordenación do territorio”. Así mesmo, recordou a creación dos 23 polígonos agroforestais que permiten recuperar grandes extensións de terra e loitar contra os retos do futuro, dándolle unha nova vida aos predios fixando poboación e anticipándose aos lumes.

 

 

Os obxectivos destes instrumentos de recuperación da terra agraria coinciden por completo cos do proxecto Down to Earth, ao contribuír á dinamización económica e demográfica das zonas rurais ao mesmo tempo que incrementan a súa resiliencia aos incendios forestais.

 

Compartir experiencias entre os diferentes países europeos

José González fixo fincapé en que os retos da Consellería son a loita contra o abandono do rural, pero tamén o mantemento dun tecido económico que permita medrar ao sector agrario. José González apuntou que para manter estes fitos é fundamental que se manteña unha boa transmisión de coñecementos, para trasladar e compartir experiencias entre os diferentes países europeos. Así mesmo, lembrou que o que une a todos os participantes da iniciativa Down to Earth é “o interese en prover de futuro as zonas rurais dos nosos respectivos países”.

 

Galería de imaxes