Observatorio de Mobilidade de Terras

O Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia foi creado en virtude de convenio subscrito o día 29 de decembro de 2016 entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela.


Este Observatorio nace co obxectivo de recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia para mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre estas terras a nivel parroquial/municipal e para co conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia, co dobre obxectivo de poder deseñar e implantar políticas públicas tendentes a un mellor aproveitamento da terra e dos recursos do territorio, e ao tempo fornecer datos que axuden ás decisións dos axentes privados.


Ademais desta información anual sistematizada sobre prezos e mobilidade, o Observatorio poderá xerar aquela información que poida ser demandada polas entidades e organismos que forman parte do observatorio no ámbito das súas respectivas competencias, organizar xornadas ou foros de debate para difundir información sobre a mobilidade de terras, así como realizar estudos temáticos relacionados coa terra e o seu aproveitamento por parte dos distintos sectores produtivos do medio rural de Galicia.

 

Orixe

O Observatorio de Mobilidade de Terras ten a súa orixe nun traballo previo desenvolvido entre os anos 2013 e 2014 pola Fundación Juana de Vega, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e a Universidade de Santiago de Compostela “Propiedade, Mobilidade de Terras e Valorización Territorial”. Entre os seus propósitos principais estaba o de deseñar un protocolo institucional, técnico e tecnolóxico para a mellora da caracterización e comprensión da mobilidade de terras en Galicia, co obxecto de analizar e comprender os mercados de terras, os efectos que teñen na mobilización produtiva da terra agrícola e, a través dela, na flexibilidade e eficacia da produción primaria.


Este proxecto concluíu que as fontes idóneas para obter información sistemática e actualizada sobre as dinámicas da mobilidade de terras en Galicia son os datos xestionados directamente polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados. Por outro lado, a integración dos datos do Sistema de Información Xeográfica Catastral (SIXCA) e o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) permite obter unha aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas. Finalmente, a análise dos indicadores en relación a variables do REAGA ou o Mapa de Aptitude Produtiva do Solo, entre outros, permiten facer unha aproximación sistemática ao comportamento da oferta e a demanda potenciais, así como, caracterizar os índices (prezo, por exemplo) en función de variables estruturais e agronómicas.

 

Informes anuais

Informe anual 2021

Este informe analiza a situación do mercado de terras rústicas en Galicia entre os anos 2008 e 2019, ambos incluídos. Considerando a totalidade da serie analizada, os datos suxiren unha relativa estabilidade tanto do número de operacións de compravenda realizadas como da área total afectada. Porén, as cifras máis recentes amosarían un cambio de tendencia da observada no período 2013-2017, con incrementos tanto no número de operacións como na superficie transaccionada. Os datos do ano 2019 amosan que se terían realizado algo menos de 39.000 compravendas afectando a case 11.500 ha.

No relativo ao prezo da terra, os datos apuntan ao mantemento da subida iniciada xa no 2014 e que sitúa os valores medios do 2019 en máximos da serie dende 2008.

O número total de operacións de compravenda de terreos rústicos no período 2018-2019 situouse lixeiramente por debaixo do bienio previo, nunha tendencia de descenso iniciada no 2013. Así, no período 2013-2019 pasouse de preto de 49.000 operacións anuais a algo menos de 39.000, cunha baixada acumulada dun 20% (porén, será necesario agardar a anos vindeiros para confirmar dito proceso á vista dos datos consolidados, como se indica na nota metodolóxica). A baixa debeuse aos terreos de monte, manténdose moi estable no último quinquenio o número de operacións na SAU.

Con todo, a área total obxecto de compravenda incrementouse en relación ao trienio anterior, invertendo a tendencia previa, e no 2019 superou amplamente as 11.000 ha. Isto debeuse por tanto a un maior tamaño medio das parcelas involucradas, que aumentou sensiblemente no bienio 2018-19. Tanto SAU como monte contribuíron a ese aumento da superficie total  transaccionada, con 4.500 e case 7.000 ha respectivamente, aínda que a SAU o fixo con máis intensidade. Así, como veu sendo habitual, o monte tivo maior peso na superficie obxecto de compravenda, pero en menor proporción que en anos previos.

De tódolos xeitos, tal e como xa se comentou nos informes de mobilidade anteriores e como se pode apreciar nos gráficos, as variacións dos últimos anos deben ser situadas no contexto dunha relativa estabilidade da superficie transaccionada no entorno das 11.000 ha en todo o período estudado (2008-2017), e cunha tendencia lixeiramente descendente, con altibaixos, no volume de operacións. Os cambios máis salientables na serie total seguen a deberse sobre todo ao maior volume de transaccións de superficie de monte no ano 2013. A taxa de mobilidade media situouse no 2019 nun 0,57%, un valor que segue a ser baixo no contexto Español e Europeo.

As maiores taxas de mobilidade seguen a concentrarse na metade norte de Galicia, especialmente na provincia de Lugo, tanto para superficie agrícola como para superficies de monte. Destacan tamén as comarcas do Deza e do Salnés en Pontevedra, especialmente no caso da SAU. Para o período 2017-2019 só nove municipios (Mugardos, Larouco, Cariño, Teo, Pontecesures, Pontevedra, Rodeiro, Cenlle e Xunqueira de Espadañedo) mostraron unha taxa de transferencia de superficie agrícola igual ou maior ao 2% anual. No caso de superficies de monte outros sete (O Grove, Cariño, Vilagarcía de Arousa, Vedra, Melide, Palas de Rei e Ortigueira) igualaron ou superaron o 2% anual.