Órganos de goberno

Cales son os órganos de goberno de Agader?

Os órganos de goberno de Agader son o Consello de Dirección, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Dirección Xeral. Ademais destes órganos de goberno, Agader conta cun órgano de asesoramento, consulta e participación que é o Consello Asesor. A normativa que establece e regula estes órganos de goberno e asesoramento son a Lei 5/2000, de 28 de decembro (DOG núm. 251, do 29 de decembro) e o Decreto 79/2001, de 6 de abril (DOG núm. 77, de 20 de abril).

 

O Consello de Dirección

É un órgano colexiado de goberno do cal forman parte representantes de diversas áreas da Administración Autonómica. O Consello de Dirección orienta as actuacións de Agader e realiza tarefas de supervisión e control como a aprobación de plans e estratexias de desenvolvemento rural ou a aprobación das prioridades na distribución dos recursos. Ademais, decide sobre todas as cuestións relacionadas coa organización, funcionamento e actividades propias da Axencia, sen prexuízo das facultades atribuídas aos outros órganos de goberno e xestión.

Regúlase na disposición adicional sexta, apartado catro, da Lei 2/2000, pola que se creou Agader, e nos artigos 4 e 7 do regulamento de Agader.

Composición

· Presidencia:
  Persoa titular da Consellería do Medio Rural
· Vicepresidencia:
  Persoa titular da Secretaría Xeral Técnica do Medio Rural
· Vogalías:
  Persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal
  Persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural
  Persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
  Persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do FEDER e FCI, da Consellería de Facenda e Administración Pública
  Persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
  Persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social
  Persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo
  Persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural
  Persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia
  Persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
  Persoa titular da Secretaría Xeral de Igualdade
· Secretaría:
  Persoa nomeada polo Consello de Dirección

 

A Presidencia

É un órgano unipersoal de goberno que corresponde, por razón do seu cargo, ao/á titular da Consellería do Medio Rural. A función da Presidencia fronte a terceiros é representar Agader en toda clase de actos ou negocios xurídicos e nas accións e recursos que procedan. Na perspectiva do funcionamento interno da Axencia, a presidencia debe velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia, propor a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento da Axencia, así como ordenar a convocatoria do Consello de Dirección, fixar a orde do día e presidir as sesións.

 

A Vicepresidencia

É un órgano unipersoal de goberno que corresponde a un membro do Consello de Dirección nomeado polo propio Consello de Dirección por proposta da Presidencia. A Vicepresidencia exerce as funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia e debe substituíla en caso de ausencia ou enfermidade.

 

A Dirección Xeral

É un órgano unipersoal de goberno e será exercida, por razón de cargo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural. A Dirección Xeral ten diversas funcións, entre as cales están a execución dos acordos do Consello de Dirección, a elaboración e avaliación dos plans, estratexias e accións de desenvolvemento rural de Agader; a proposición das prioridades para a distribución dos recursos e a xestión da Axencia.

 

O Consello Asesor

É o órgano colexiado de consulta e asesoramento de Agader e de participación das administracións autonómica e local así como dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento rural de Galicia. Este órgano asesora o Consello de Dirección na elaboración de plans e estratexias de desenvolvemento rural, aconsella sobre as prioridades para a distribución dos recursos, ademais de promover e divulgar os cometidos e actividades de Agader entre os axentes económicos e sociais e entre as administracións locais.

Regúlase na disposición adicional sexta, apartado catro, da Lei 5/2000, pola que se creou a da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e nos artigos 4 e 11 do regulamento da Axencia.

Composición

· Presidencia:
  Persoa titular da Presidencia da Agader
· Vogalías:
  Dous vogais en representación da Administración da Comunidade Autónoma, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia de entre funcionarios con titulación superior
  Tres vogais  en representación das corporacións locais, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias
  Tres vogais en representación das organizacións profesionais agrarias coa maior implantación en Galicia, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta daquelas
  Tres vogais en representación das federacións provinciais de confrarías de pescadores, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta daquelas
  Dous vogais en representación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta daquel
  A persoa titular da vicepresidencia e a persoa titular da dirección xeral da Agader
· Secretaría:
  Persoa titular da secretaría do Consello de Dirección da Agader