Este proceso beneficiou un total de 310 propietarios do concello ourensán de Oímbra, pasando de máis de 4.200 parcelas iniciais a apenas 840 predios en 540 hectáreas. A titular do departamento, María José Gómez, lembrou os 24 millóns de euros orzamentados este ano para impulsar as concentracións parcelarias e o arranxo de pistas, un 41% máis con respecto ao 2023. A conselleira referiuse tamén ao polígono agroforestal que se está a desenvolver nesta localidade, e que está a piques de completar os últimos trámites necesarios para poder saír a concorrencia pública para que os interesados poidan optar ás fincas.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá na entrega de títulos da concentración parcelaria de Espiño-Videferre, no concello ourensán de Oímbra onde, a través deste proceso, acadouse unha redución do minifundismo nun 80%.
Neste acto, ao que tamén asistiron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; a conselleira salientou que se trata dunha concentración parcelaria “moi importante” para esta localidade, que beneficia un total de 310 propietarios, a través dun proceso que abrangue 540 hectáreas, pasando de máis de 4.200 parcelas iniciais a apenas 840 predios finais.
Neste contexto, fixo referencia ao polígono agroforestal desta localidade, que está a completar os últimos trámites necesarios para que as súas fincas poidan saír a concorrencia pública para que os interesados poidan comezar a solicitalas.
María José Gómez amosou a súa vontade por seguir impulsando actuacións públicas neste eido e definiu as parcelarias como unha boa ferramenta para “manter vivo o noso rural” e mellorar as condicións de desenvolvemento das actividades agrarias. Afirmou tamén que estes procesos “son un esforzo que merece a pena” debido ás repercusións que teñen as parcelarias na economía de gandeiros e agricultores, especialmente na redución de custos de produción.
Concentracións rematadas e decretadas
Neste sentido, lembrou que desde o ano 2020 a Xunta rematou 33 concentracións, que abranguen unha superficie de máis de 22.000 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.600 propietarios con 37.600 títulos de propiedade. Ademais, dende o 2021, decretáronse 29 novas parcelarias con case 24.000 hectáreas de superficie e, neste 2024, o Goberno autonómico destina 24 millóns de euros a impulsar as concentracións parcelarias e o arranxo de pistas, un 41% máis con respecto ao ano pasado.
A Consellería do Medio Rural ten impulsado un amplo abano de ferramentas para que gandeiros e agricultores poidan contar con superficie agraria útil para desenvolver a súa profesión, como o Banco de Terras ou a Lei de recuperación da terra agraria, con figuras que contempla este texto legal, como as aldeas modelo, as permutas de especial interese agrario ou os polígonos agroforestais, que xa conseguiron mobilizar máis de 10.000 hectáreas en toda Galicia.
