Novas

25.05.2023
Galicia propón ao Estado que impulse a actualización do catastro e o rexistro da propiedade nas terras abandonadas e beneficios fiscais para a súa posta en produción
Galicia propón ao Estado que impulse a actualización do catastro e o rexistro da propiedade nas terras abandonadas
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou na 2ª reunión do Grupo de Trabajo sobre la Movilización de Tierras Agrarias Infrautilizadas, integrado pola Administración central e as autonómicas. Inés Santé puxo en valor a experiencia galega coa Lei de recuperación da terra agraria e lembrou que mediante os seus diferentes instrumentos téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade nos seus dous anos de vixencia.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe en Madrid na segunda reunión do Grupo de Trabajo sobre la Movilización de Tierras Agrarias Infrautilizadas, integrado pola Administración central e as autonómicas. Na xuntanza, propuxéronse e debatéronse ideas entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) e as comunidades autónomas para colaborar na mobilización de terras abandonadas. Neste sentido, Galicia propuxo que a lexislación nacional facilite e impulse a actualización do catastro e o rexistro da propiedade nas terras abandonadas, así como que estableza beneficios fiscais para a súa posta en produción.

Ademais, Inés Santé puxo en valor a experiencia galega na materia, centrada fundamentalmente no desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e dos seus instrumentos, como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, sen esquecer as concentracións parcelarias.

Nesta liña, a directora xeral lembrou que en Galicia hai 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da devandita Lei -hai agora dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.000 parcelas propiedade duns 7.500 veciños. Xunto a estes polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, así como con permutas promovidas no concello lucense de Friol.

Así, neste período de dous anos, mediante os diferentes instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade autónoma para poñer de relevo a importancia do rural galego.


Experiencias e reflexión

O Grupo de traballo reunido hoxe en Madrid céntrase no intercambio de experiencias e na reflexión sobre os labores desenvolvidos polas distintas administracións implicadas para facilitar a utilización e mobilización de terras agrarias, ademais de na análise de experiencias xa implementadas e novas posibilidades que poidan impulsar a óptima xestión dos predios. Tamén se elaborou unha radiografía completa do estado da xestión das terras agrarias infrautilizadas en España, co fin de propor aqueles puntos que precisan un diagnóstico máis detallado e posibles solucións coordinadas, que poderán ser abordadas en profundidade no Grupo.