Novas

21.01.2026
María José Gómez destaca en Fitur a importancia do turismo e a gastronomía como dinamizadores do rural
importancia del turismo y la gastronomía como dinamizadores del rural

A conselleira participou en varias presentacións e eventos de promoción desta riqueza, que enmarcou dentro de Galicia Calidade como “compromiso coa excelencia”. Gómez interveu nas presentacións da Ruta das igrexas e da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa; da XVIII edición da guía ... E para comer, Lugo; dos certames Termatalia e Xantar, que se celebran en Expourense; e das Olimpíadas Rurais de Friol.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a importancia do turismo e a gastronomía como dinamizadores socioeconómicos do agro galego, no contexto da Galicia Calidade como o noso “compromiso coa excelencia”. Foi en Madrid, no marco da Feira Internacional de Turismo Fitur 2026, na que a conselleira participou en diferentes eventos de promoción, acompañada por diversos altos cargos da Xunta.

Así, Gómez interveu en primeiro lugar na presentación da Ruta das igrexas e da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, unha iniciativa que conta co apoio da Consellería. Neste acto, salientou que esta iniciativa “une patrimonio cultural, paisaxe, gastronomía e persoas”, nun itinerario que abrangue 16 queixerías nas que descubrir cada etapa do proceso de elaboración do produto —desde a recepción do leite ata a maduración e afinado final—. Todo isto, mentres os turistas poden visitar tamén os principais monumentos, interactuar coa hostalería e o comercio locais e mergullarse na vida das comunidades.

Esta ruta abrangue 32 municipios das comarcas de Arzúa, Terras de Melide, A Ulloa, Chantada e Deza, un territorio que a conselleira definiu como “amplo, diverso e cheo de recursos” con arquitectura románica, templos medievais, camiños históricos e aldeas “que conservan unha identidade propia”.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou tamén no acto que esta proposta demostra “como o turismo rural e o turismo enogastronómico se consolida como elementos diferenciais da oferta turística galega”. Neste sentido, subliñou que “non só enriquecen a experiencia do viaxeiro, senón que tamén xeran actividade económica no territorio, fortalecendo o vínculo co sector primario e contribuíndo á conservación do patrimonio cultural e natural”.


Guía gastronómica de Lugo

De seguido, a titular de Medio Rural participou tamén na presentación da XVIII edición da guía gastronómica ... E para comer, Lugo, promovida pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo. Neste evento subliñou que a gastronomía galega en xeral e a lucense en particular “sabe a casa, ás cociñas das avoas, das tías e das nais, onde se aprendeu a respectar o produto, o tempo e a tradición”.

Nesta liña, puxo en valor o papel dos restauradores, dos que dixo que “ofrecen pratos de gran calidade feitos con agarimo e mestría e contribúen a manter viva esa herdanza e a facer que Lugo sexa sinónimo de boa mesa”. Engadiu que o turismo e a gastronomía “son motores fundamentais do desenvolvemento dunha Galicia que é un 95 % rural, xerando actividade económica e contribuíndo a un territorio vivo, dinámico e sostible”. Por iso, sinalou que a Xunta seguirá apoiando iniciativas que impulsen estes sectores.

Merelles, quen tamén participou na presentación desta guía, puxo en valor a súa utilidade  para quen visita a  provincia de Lugo e quere gozar da súa gastronomía local. Precisamente, salientou a oportunidade desta guía para poñer en valor esta proposta do destino a nivel provincial nun ano no que por primeira vez, un restaurante deste territorio vén de acadar a primeira estrela Michelin para a provincia, concretamente foi Vértigo, en Sober. Ademais, resaltou que, das 64 festas gastronómicas declaradas festa de interese turístico, 12 están na provincia de Lugo.

A maiores, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou no acto a "excelente calidade" da oferta gastronómica da provincia, "baseada tanto nos produtos agroalimentarios locais como no bo facer dos hostaleiros". Sinalou que o apoio do Goberno galego á hostalería inclúe achegas para a modernización dos establecementos ou para a incorporación de traballadores e traballadoras cualificados. No caso de Lugo, lembrou que a Asociación Provincial de Empresarios do sector leva acometidos co financiamento da Xunta once Plans Integrados de Emprego que formaron ata a data a 1.000 persoas, con taxas de inserción mínimas do 45% en cada edición.

Tamén no marco de Fitur, a conselleira participou na presentación dos certames Termatalia e Xantar, que se celebran en Expourense e nos que -destacou- os seus visitantes poderán descubrir a riqueza do termalismo, a calidade da gastronomía e o talento dos produtores e profesionais do sector.


Olimpíadas Rurais de Friol

Por último, o programa de María José Gómez na Feira Internacional de Turismo de Madrid completouse coa súa participación pola tarde na presentación das Olimpíadas Rurais de Friol, un evento que este ano celebra a súa terceira edición e do que dixo que “non é só unha competición, senón unha celebración das nosas raíces e da riqueza cultural que temos en Galicia”.

A conselleira remarcou ademais o feito de que estas probas se combinan cun programa festivo, cultural e gastronómico “que transforma cada xornada nunha experiencia única para participantes e visitantes”, polo que animou a todos a visitar Friol e coñecer estas actividades.
 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas