Novas

27.05.2026
María José Gómez destaca os apoios para máis de 40 proxectos empresariais que promoven a diversificación económica do rural
María José Gómez destaca os apoios para máis de 40 proxectos empresariais

A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións de SAT Seixas, en Taboada, unha das beneficiarias da convocatoria de axudas de 2026 de actividades non agrícolas, que conta cun investimento de 2,1 M €. Puxo en valor que esta empresa é un exemplo de aposta pola transformación e por xerar valor engadido no sector lácteo a través do seu xeado artesán, comercializado baixo a marca Xeou! que está adherida ao selo de Artesanía Alimentaria. Reafirmou a aposta do Goberno galego por estas axudas que, na última década, apoiaron a preto de 550 empresas galegas, cunha axuda total de máis de 23 M €, case 500 empregos creados e máis de 4.320 postos de traballo consolidados. Tamén resaltou que se seguirá defendendo, na nova PAC post 2027, que os fondos de desenvolvemento rural nos que se integran axudas como estas se sigan blindando e potenciando.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe as instalacións de SAT Seixas para poñer en valor a resolución da convocatoria 2026 das axudas para actividades non agrícolas. Neste sentido, destacou que 41 proxectos se benefician desta liña de achegas, cun investimento de 2,1 millóns de euros, para favorecer a diversificación económica do rural e a fixación de poboación.

SAT Seixas é unha das empresas beneficiarias desta convocatoria, cuxa resolución se publicará no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 3 de xuño. A titular de Medio Rural detallou que conta cunha achega de case 50.000 euros para a adquisición de maquinaria de maior capacidade e rendemento, integrándoa no proceso produtivo do obradoiro de xeado artesán que comercializan baixo o nome de Xeou!.  Neste sentido, puxo en valor que esta empresa é un exemplo de aposta pola transformación e por xerar valor engadido no sector lácteo.

Ao mesmo tempo, salientou que a través destas axudas para actividades non agrícolas, as empresas beneficiarias están consolidando 474 postos de traballo e comprometendo a creación de 39 novos.


23 millóns de euros e case 550 empresas beneficiarias

A conselleira reafirmou a aposta do Goberno galego por estas axudas que, na última década, beneficiaron a preto de 550 empresas galegas, cunha axuda total de máis de 23 millóns de euros. Así, engadiu que isto permitiu crear case 500 empregos e consolidar máis de 4.320 postos de traballo na nosa comunidade.

A maiores, explicou que as axudas están dirixidas a pequenas empresas situadas en zonas rurais e a persoas físicas que residan nestas contornas, e financian proxectos que contribúen ao desenvolvemento de actividades en ámbitos como a produción de bens e materiais, a transformación e comercialización de produtos agrarios ou a prestación de servizos, entre outros.

Neste contexto, resaltou que desde o Goberno galego se seguirá defendendo, na nova PAC post 2027, que os fondos de desenvolvemento rural nos que se integran axudas como estas se sigan blindando e potenciando.


Sobre SAT Seixas

A empresa SAT Seixas, cuxas instalacións se atopan en Taboada, conta cunha gandaría propia e apostou pola diversificación e posta en valor da súa produción láctea a través do xeado artesán, Xeou!. Ademais, está adherida ao selo da Consellería do Medio Rural de Artesanía Alimentaria, sendo exemplo dun traballo que fan desde o coidado e de xeito totalmente artesanal.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas