A concentración de Pereiro-Oirás abrangue unha superficie de 362 hectáreas propiedade de 309 titulares e contou cun investimento de algo máis dun millón de euros que permitiu tamén reducir en máis do 70 % o número de predios. A conselleira sinalou que estes instrumentos contribúen a paliar o minifundismo existente na comunidade e a incrementar o valor das terras, ao tempo que aumenta a base territorial das explotacións e evita o abandono de terras produtivas. Gómez incidiu en que o Goberno autonómico seguirá a apostar de xeito decidido polo impulso destes instrumentos, e lembrou que neste 2026 se investirán 16,7 millóns de euros, catro máis que en 2025. Dende o ano 2020 rematáronse un total de 38 concentracións parcelarias e dende o 2021 decretáronse 30 novas.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na mañá de hoxe na entrega de títulos da concentración parcelaria de Pereiro-Oirás, situada no concello lucense de Alfoz, que abrangue unha superficie total de 362 hectáreas propiedade de 309 titulares. A través deste proceso de reestruturación, que contou cun orzamento de algo máis dun millón de euros, triplicouse a superficie media das parcelas, que pasou de 1.514 metros cadrados a 5.244; ademais de reducir en máis dun 70 % o número de predios.
Neste acto, no que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a conselleira destacou que “avanzamos un paso máis” cara a mobilización do territorio galego. Coa implementación deste tipo de ferramentas procúrase paliar o minifundismo existente na comunidade e incrementar o valor das terras, ao tempo que se aumenta a base territorial das explotacións e se evita o abandono de terras produtivas.
Do mesmo xeito, Gómez enxalzou a importancia das concentracións parcelarias para o rural e o sector agrogandeiro. Por esta razón, incidiu, o Goberno autonómico seguirá a apostar de xeito decidido polo impulso destes instrumentos. Neste 2026 a Consellería do Medio Rural destina 16,7 millóns, catro máis con respecto a 2025. No mes de abril está prevista unha nova a entrega de títulos no concello de Mesía.
Dende o ano 2020 rematáronse un total de 38 concentracións parcelarias -incluíndo esta de Pereiro-Oirás-, que abarcan unha superficie de case 26.200 hectáreas e benefician a 20.100 propietarios. Neste sentido, dende o ano 2021 decretáronse 30 novas concentracións, cunha superficie de máis de 25.500 hectáreas e preto de 113.800 parcelas de case 16.500 titulares.
Gómez reafirmou a vontade da Xunta por seguir a traballar baixo estas premisas ao longo de 2026, coa entrega de máis títulos e a apertura de novos procedementos en beneficio do medio rural.
