A conselleira do Medio Rural entregou hoxe os títulos da zona de reestruturación de Mourazos-Tamagos-Tamaguelos, que contou cun investimento de case 3,27 millóns de euros para o seu desenvolvemento. Sinalou que estes instrumentos contribúen a paliar o minifundismo existente na comunidade e a incrementar o valor das terras, ao tempo que aumenta a base territorial das explotacións e evita o abandono de terras produtivas. Gómez incidiu en que o Goberno autonómico seguirá a apostar de xeito decidido polo impulso destes instrumentos, e lembrou que neste 2026 se están investindo 16,7 millóns de euros, catro máis que en 2025. Dende o ano 2020 rematáronse un total de 40 concentracións parcelarias e dende o 2021 decretáronse 33 novas, un camiño no que se afondará, pois está previsto entregar 25 antes de 2028.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na entrega de títulos da concentración parcelaria de Mourazos-Tamagos-Tamaguelos, no concello de Verín. Nela, destacou que este proceso de reestruturación permitiu cuadriplicar a dimensión das parcelas e reducir o seu número nun 77 %.
Deste xeito, pasouse de máis de 6.700 parcelas cunha superficie media de 1.090 metros cadrados, a 1.519 predios cunha superficie media de 4.516 m2, é dicir, case media hectárea. “Pasamos de 10,4 parcelas por propietario a 2,3, un cambio substancial que repercute directamente na maneira de traballar e na rendibilidade”, destacou.
Neste acto, no que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; explicou que se destinaron case 3,27 millóns de euros para o desenvolvemento desta parcelaria, que abrangue unha superficie de preto de 730 hectáreas propiedade de 646 titulares.
Gómez asegurou que con esta nova parcelaria se segue avanzando na mobilización do territorio galego. Neste sentido, puxo en valor a importancia deste tipo de ferramentas que contribúen a paliar o minifundismo existente na comunidade e incrementar o valor das terras, ao tempo que se aumenta a base territorial das explotacións e se evita o abandono de terras produtivas.
Aposta polas concentracións parcelarias
A titular de Medio Rural reafirmou o a aposta do Goberno autonómico polas zonas de reestruturación parcelaria. Por iso, neste 2026 estanse investindo 16,7 millóns de euros para seguir afondando nestes instrumentos. Así, lembrou que esta de Verín é a terceira que se entrega este ano, xunto coas de Alfoz e Mesía.
Cómpre salientar que desde 2020 rematáronse un total de 40 concentracións parcelarias que abranguen unha superficie de máis de 27.850 hectáreas, beneficiando a máis de 21.000 propietarios. Ao mesmo tempo, desde o 2021 decretáronse 33 novas parcelarias, cunha superficie mobilizada de máis de 29.000 hectáreas.
A conselleira resaltou que se seguirá traballando nesta liña e reafirmou que ao longo deste 2026 se iniciarán os trámites para abrir 7 novos procesos, como os tres xa decretados na Agolada este mesmo mes, e pechando outros. Neste sentido, asegurou que o compromiso do Goberno galego pasa por entregar 25 parcelarias antes de 2028.
