Novas

29.01.2026
María José Gómez pon en valor a nova orde de axudas para mellorar os servizos básicos no rural pola súa contribución a fixar poboación
María José Gómez pone en valor la nueva orden de ayudas para mejorar los servicios básicos en el rural

A conselleira do Medio Rural visitou o concello de Ordes para coñecer os traballos que está levando a cabo o Concello na rehabilitación da antiga estación de tren e aproveitou para detallar esta nova convocatoria. Lembrou que os concellos galegos teñen de prazo ata o 13 de febreiro para presentar a súa solicitude nestas subvencións, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros. Estes fondos permitirán acometer obras de mellora nas redes de alumeado; así como executar construcións ou rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais ou instalacións deportivas, entre outras.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez; visitou hoxe este concello para poñer en valor a primeira convocatoria de axudas para a creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais, dotada con 5 millóns de euros. Destacou que esta liña de achegas contribúe a dinamizar o rural, apoiar aos concellos e, en definitiva, a favorecer a fixación de poboación no rural con máis e mellores servizos.

Concretamente, a conselleira coñeceu os traballos que está levando a cabo o Concello para rehabilitar a antiga estación de tren de Pontraga. Este tipo de espazos e iniciativas son exemplo das posibles actuacións que os concellos poderán financiar con estas axudas.

Gómez detallou que todos os concellos galegos que desenvolvan os seus proxectos en zonas rurais poderán presentar a súa solicitude de axudas ata o 13 de febreiro. Cómpre indicar que quedan excluídas aquelas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas segundo o seu grao de urbanización recollido polo Instituto Galego de Estatística (IGE), situadas nas sete cidades galegas e nos concellos de Culleredo, Narón, Oleiros, Barbadás e Poio.

A través destes fondos poderanse acometer diferentes actuacións como obras de mellora nas redes de alumeado público ou a execución de construción e a rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas.

Ademais, poderán restaurarse elementos patrimoniais e a súa contorna, no caso de ser necesario, e afondarase na mellora de servizos asistenciais e culturais. Son subvencionables tamén a construción, adquisición ou mellora de inmobles, terreos ou obras e maquinarias, así como bens de equipo necesario.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas