A conselleira do Medio Rural trasladouse ata as instalacións en Monforte de Lemos para coñecer as melloras incorporadas na fabricación de maquinaria ao abeiro das axudas a terceiros da intervención Leader, cunha aportación de máis de 75.000 euros. A convocatoria de 2025 desta liña de apoio, dotada cun orzamento de 12,6 millóns de euros, recibiu preto de 600 solicitudes para posta en marcha diferentes proxectos. Ademais, fixo fincapé en que este financiamento “periga” coa proposta de nova PAC porque se eliminarían os dous piares e asegurou que son uns fondos “esenciais” para Galicia á hora de fixar poboación e crear emprego nas zonas rurais.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe a empresa de fabricación de maquinaria Ramiro Vila S.L. en Monforte de Lemos. Alí, reafirmou a importancia da intervención Leader, financiada con fondos europeos, á hora de favorecer o desenvolvemento rural, con axudas como as de apoio a terceiras persoas das que compañía monfortina foi beneficiaria.
En concreto, no 2024 recibiu unha achega de máis de 75.000 euros, a través da xestión do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-O Courel, para a adquisición dun equipo robotizable totalmente programable que permite incrementar a produtividade e aforrar en custos de produción. A conselleira salientou que esta incorporación ao sistema de traballo é un exemplo da aposta pola innovación desde o rural deste proxecto que conta con 40 traballadores e produce máis de 1.000 máquinas ao ano.
Neste sentido, destacou o impulso do Goberno galego a este tipo de iniciativas, que encaixan coas políticas de apoio á modernización do campo e á fixación de poboación nas zonas rurais.
Fondos “esenciais” para o rural galego
Así, a conselleira fixo fincapé en que o financiamento do Leader “periga” coa proposta da Unión Europea para a nova PAC 2028-2034, xa que a proposta supón o desmantelamento do modelo actual baseado en dous piares con dous fondos diferenciados que permiten asegurar a renda dos agricultores e fomentar o desenvolvemento rural. Insistiu en que estes fondos son "esenciais" para Galicia, onde se aplican directamente nos concellos destas contornas para fixar poboación e crear emprego.
A maiores, Gómez lembrou que a convocatoria de 2025 das axudas en apoio de terceiras persoas do Leader conta cun orzamento de 12,6 millóns de euros, dentro do Plan Estratéxico da PAC, e recibíronse 600 solicitudes para poñer en marcha diferentes proxectos de desenvolvemento rural. A través desta medida e no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR), desde o 2014 apoiouse a creación de 1.100 novos empregos e a consolidación de máis de 4.000.
