A conselleira do Medio Rural visitou hoxe as instalacións desta empresa, que foi beneficiaria o pasado ano dunha achega específica para fortalecer o emprego nas contornas rurais e diversificar a actividade agraria. A convocatoria 2026 destas axudas resolveuse cun orzamento de 2,1 millóns de euros, que permitirán apoiar 41 proxectos, o que facilitará a creación de 39 novos empregos. Na última década, a Consellería do Medio Rural mobilizou máis de 23 millóns de euros para seguir promovendo esta liña de achegas, con preto de 550 empresas beneficiarias.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, visitou hoxe as instalacións de Aceiroga, en Quiroga, onde salientou a aposta desta empresa polas novas tecnoloxías e pola mellora da súa capacidade produtiva, o que redunda nun incremento da calidade do seu produto.
Neste sentido, a conselleira explicou que esta empresa foi beneficiaria no 2025 dunha achega específica da Consellería para fortalecer o emprego nas contornas rurais e diversificar a actividade agraria. En concreto, recibiu unha achega de 26.000 euros para adquisición dun novo equipamento para limpar olivas e para extraer e recoller aceite, así como para contar cunha cinta transportadora e unha aspiradora de follas.
A maiores, tamén lembrou que esta empresa se beneficiou dunha achega ao abeiro da intervención Leader, a través da cal puido adquirir unha nova almazara para a elaboración de aceite, o que permitiu ampliar a súa capacidade de produción.
Máis de 23 millóns de euros na última década
A conselleira puxo en valor a aposta do seu departamento por este tipo de achegas, que favorecen o desenvolvemento rural e diversifican o seu tecido socioeconómico. Deste xeito, salientou que a convocatoria 2026 das axudas para proxectos en actividades non agrícolas se resolveu cun orzamento de 2,1 millóns de euros, a través dos que se apoiarán a 41 proxectos. Isto permitirá consolidar 474 postos de traballos e crear 39 novos empregos.
Ademais, Gómez resaltou que na última década se mobilizaron máis de 23 millóns de euros mediante estas axudas, beneficiando a preto de 550 empresas galegas. Ao mesmo tempo, isto permitiu crear 500 empregos e consolidar 4.320 postos de traballos.
