A conselleira do Medio Rural visitou a casa rural La Molinera, situada no concello ourensán de Nogueira de Ramuín e que foi beneficiaria dunha axuda de máis de 139.000 € procedentes deste programa europeo que xestionan a Xunta e os GDR. Neste acto, Gómez lembrou que o principal obxectivo do Leader é acadar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais. Subliñou que, mentres estivo incluída no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, a medida permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos e que ata 2027 está dotada con 56,9 M€.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe a contribución do programa Leader e dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) á dinamización territorial do agro galego, así como do seu tecido produtivo, tanto o propiamente agrario como o doutros sectores. Así, lembrou Gómez, os GDR impulsan medidas relacionadas con eidos como o agroalimentario, gandeiro, forestal, turístico, ambiental ou do pequeno comercio.
A conselleira fixo esta reflexión durante a súa visita á casa rural La Molinera, situada no concello ourensán de Nogueira de Ramuín e que foi beneficiaria dunha axuda do programa Leader. María José Gómez estivo acompañada neste acto pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; polo alcalde da localidade, Julio Temes; e polo presidente do GDR Ardecou, Manuel Seoane.
A iniciativa foi impulsada polo GDR Adercou, que opera nesta contorna e que veu neste inmoble do século XIX moito potencial para poder convertelo na impresionante casa rural que é a día de hoxe, tal e como destacou a conselleira. Ao tempo, Gómez puxo de relevo que o establecemento atópase nun enclave paisaxístico único: a Ribeira Sacra, que actualmente está a crecer como reclamo turístico. As instalacións puideron reformarse grazas a un investimento de algo máis de 139.000 euros procedentes do programa Leader, que xestiona a Xunta en colaboración cos GDR.
Estratexia participativa
Precisamente, sobre este programa europeo, a conselleira lembrou que o seu principal obxectivo é acadar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas. Sinalou, asemade, que ten unha repercusión moi positiva sobre o tecido social e económico das zonas rurais, xa que contribúe a mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural, impulsando a súa economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación.
Sobre as grandes cifras do Leader, María José Gómez subliñou que, mentres estivo incluído no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos. Deste xeito, mobilizáronse algo máis de 169 millóns de euros, cunha axuda pública de 77,5 millóns.
Por último, a conselleira trasladou que, co fin de seguir apoiando o impulso e a dinamización das contornas rurais da nosa comunidade, a mediados do ano pasado asinouse un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDR para a aplicación de Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Así, a medida Leader, que actualmente se atopa no marco do Plan Estratéxico da PAC (Pepac), está dotada con 56,9 millóns de euros ata 2027.
