María José Gómez salienta os locais sociais como puntos de encontro da veciñanza e axentes dinamizadores das contornas rurais
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe o local social da parroquia de Carral, no concello lucense de Begonte. Alí, salientou a importancia deste tipo de infraestruturas, que se constitúen como un punto de encontro de referencia para a veciñanza da zona.
A maiores, actúan como axentes dinamizadores fundamentais para impulsar o desenvolvemento rural nestas contornas, especialmente no eido social. A conselleira puido comprobar tamén o estado desta edificación, na que se veñen de realizar actuacións de mellora.
