A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se incrementa en 400.000 euros o orzamento inicial. O obxectivo destas achegas é reforzar o tecido socioeconómico no rural e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos e á consolidación dos existentes e consolidar e impulsar tamén a dinamización económica destes territorios.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pola que se amplía o crédito dispoñible da convocatoria de 2025 das subvencións a proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas ata chegar aos 2,1 millóns de euros (a contía inicial era de 1,7 millóns). Esta ampliación de 400.000 euros sobre a dotación inicial faise para atender o incremento da demanda destas axudas, cuxa convocatoria e bases reguladoras publicáronse no DOG do pasado 29 de xaneiro de 2025.
O obxectivo destas achegas que xestiona a devandita axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, é reforzar o tecido socioeconómico no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos e á consolidación dos existentes e, en última instancia, consolidar e impulsar a dinamización económica destes territorios.
A convocatoria faise en réxime de concorrencia competitiva e as axudas financiarán proxectos destinados á adquisición de bens de equipo inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, nunha decidida aposta pola ampliación e modernización do sector produtivo no medio rural.
Poderán beneficiarse destas axudas as pequenas empresas situadas en zonas rurais e as persoas físicas que residan nestas contornas, que desenvolvan a súa actividade en ámbitos tales como a produción de bens e materiais, a transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos sociais ou a artesanía e actividades artesanais, entre outros.
