Novas

02.07.2025
Medio Rural analiza co concello de Palas de Rei as obras que mellorarán as infraestruturas rurais do municipio
Medio Rural analiza co concello de Palas de Rei as obras que mellorarán as infraestruturas rurais do municipio

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural reuniuse co alcalde desta localidade, beneficiaria das achegas do Plan Camiña Rural.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde do concello de Palas de Rei, Pablo Taboada. A xuntanza serviu para analizar as obras que se van acometer e que van permitir mellorar as infraestruturas rurais do municipio. Paz Rodríguez sinalou que estas actuacións repercutirán positivamente no día a día da veciñanza e que supoñen un paso máis na aposta decidida da Consellería do Medio Rural cos concellos do rural.

Nesta liña, a directora xeral lembrou que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia a resolución do Plan Camiña Rural, que permitirá executar, durante os anos 2025 e 2026 un total de 626 actuacións en preto de 513 quilómetros de vías municipais en 299 localidades.

A localidade de Palas de Rei é beneficiaria destas achegas, coas que recibiu un orzamento total de 93.539 euros para levar a cabo este tipo de actuacións. A través deste investimento poderán ampliar camiños para mellorar a seguridade viaria, reforzar o firme existente, adecuar os pasos fluviais e manter as marxes. Estas melloras resultan fundamentais para facilitar a accesibilidade no medio rural, vertebrar o territorio e contribuír á fixación de poboación, reforzando así as condicións de vida e traballo nestas zonas.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas