Novas

23.07.2025
Medio Rural apoia aos viticultores da Ribeira Sacra con máis de 1,3 millóns de euros para a conservación da paisaxe
Medio Rural apoia aos viticultores da Ribeira Sacra con máis de 1,3 millóns de euros para a conservación da paisaxe

A conselleira María José Gómez visitou hoxe en Sober os viñedos dalgúns dos case 800 beneficiarios destas achegas, convocadas por primeira vez a finais do pasado ano. As axudas permitirán levar a cabo accións en 810 hectáreas de terreo inscritas dentro da Denominación de Orixe, entre as que destacan as 170 situadas no concello de Sober. As achegas forman parte dun paquete de medidas de apoio aos viticultores desta DO moito máis amplo e que se puxo en marcha o pasado ano ante o contexto internacional de excedentes de viño tinto. Gómez sinalou que se segue a traballar co Consello Regulador nunha folla de ruta a medio e longo prazo na que se aposta pola calidade e pola diversificación de mercados.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou esta tarde o concello de Sober para poñer en valor as axudas destinadas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, ás que se destinaron máis de 1,3 millóns de euros para beneficiar a case 800 viticultores. Alí coñeceu os terreos dalgúns destes beneficiarios que poderán actuar a través destas axudas nunha superficie de 810 hectáreas inscritas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A titular de Medio Rural salientou que, a través destas achegas, búscase favorecer unha actividade senlleira na zona, que contribúe á conservación da paisaxe e a cal ten tamén a súa repercusión social e turística. Neste sentido, reafirmou a importancia do mantemento desta paisaxe singular para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Por iso, estas axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural serviron para subvencionar o cultivo de vide en socalco de pedra, onde o traballo se realiza de forma mecanizada, cunha superficie beneficiaria de 520 hectáreas; e para o cultivo de vide sen socalcos ou mediante traballo mecanizado, con 291 hectáreas con achega aprobada.

A maiores, María José Gómez salientou que se concederon achegas para parcelas localizadas en 16 concellos dos 20 totais que forman parte da DO. Nesta liña, resaltou que o concello de Sober é o máis beneficiado con 170 hectáreas aprobadas.


Paquete de medidas para a DO Ribeira Sacra

Estas axudas forman parte dun paquete de medidas de apoio aos viticultores desta DO moito máis amplo e que se puxo en marcha o pasado ano ante o contexto internacional de excedentes de viño tinto. Dentro dese paquete incluíronse outras accións como as axudas para a destilación de crise, unha maior divulgación e formación sobre as oportunidades do ecorrexime da PAC de cultivos leñosos en terreos con pendentes,  ampliación de campañas de promoción e as subvencións para facilitar a recollida de uva.

Ao mesmo tempo, a conselleira indicou que se segue a traballar co Consello Regulador desta DO nunha folla de ruta a medio e longo prazo, na que se presta especial atención á aposta pola calidade e pola diversificación de mercados.

Neste senso, a conselleira puxo en valor outros apoios deste ano destinados ao sector vitícola en xeral como son os 4 millóns de euros para a reestruturación e reconversión de viñedo, os 4,5 millóns para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e os 1,7 millóns para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas