A conselleira María José Gómez reuniuse esta tarde co alcalde, Jorge Cubela, para afondar en diferentes vías de cooperación relacionadas coa recuperación de terras e as infraestruturas rurais, entre outros eidos. Avaliáronse os progresos rexistrados no desenvolvemento do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde e na aldea modelo de Mouteira-Parada.
A Consellería do Medio Rural e o Concello de Cerdedo-Cotobade avanzan na súa colaboración a prol do desenvolvemento e dinamización do agro neste municipio pontevedrés. A titular de Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse esta tarde co alcalde da localidade, Jorge Cubela. No encontro abordáronse, entre outros asuntos, os progresos rexistrados no desenvolvemento das ferramentas de recuperación da terra activas neste municipio.
Trátase, por un lado, do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, que suporá a mobilización de preto de 68 hectáreas. Actualmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está realizando trámites relacionados coa investigación da titularidade e os resultados destes traballos permitirán actualizar o catastro da zona, así como avanzar no proceso de aprobación e posta en marcha do polígono.
Por outra banda, tamén se avaliou a marcha dos labores en relación coa aldea modelo de Mouteira-Parada, que suporá recuperar outras preto de 20 hectáreas neste concello. A actividade principal contemplada para esta ferramenta é o aproveitamento gandeiro en extensivo, mentres que como actividade secundaria se establece a plantación de árbores para a obtención de froito. Na actualidade ultímase o proceso de concorrencia competitiva, co fin de seleccionar propostas para o aproveitamento das parcelas incorporadas á aldea.
Esta iniciativa foi beneficiaria de ata dúas subvencións en materia de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais, por un importe conxunto de máis de 76.000 euros. Uns fondos que propiciarán, entre outras melloras, a creación dunha pequena praza empedrada e con bancos na entrada da Igrexa e cemiterio de San Pedro de Parada, a dotación de beirarrúas en varias rúas da aldea, unha mellor accesibilidade na zona, a instalación dunha rede de recollida e drenaxe de pluviais e outras medidas adicionais, como a colocación de sinalización direccional.
Outros temas abordados neste encontro de traballo entre o rexedor e a conselleira referíronse á mellora de diferentes infraestruturas rurais, fundamentalmente camiños municipais.
