Novas

10.09.2025
Medio rural avanza na posta en marcha de permutas de especial interese agrario no concello da Estrada
Medio rural avanza na posta en marcha de permutas de especial interese agrario no concello da Estrada

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural reuniuse hoxe co alcalde deste municipio, nunha xuntanza na que tamén estiveron presentes varios veciños do lugar de Cabanelas, onde se proxecta realizar un proxecto de permutas. A través deste instrumentos os propietarios de fincas rústicas poderán intercambialas mediante mutuo acordo, mellorando a produtividade das explotacións agrarias das zonas nas que se implantan. Nesta localidade xa se mobilizaron a través deste instrumento un total de 36 parcelas nunha superficie de 9,23 hectáreas; nun proxecto promovido polos propios veciños do lugar de Gueifas, na parroquia de Santa Mariña de Agar.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde do concello pontevedrés da Estrada, Gonzalo Louzao, para abordar o estado dalgúns dos procedementos de recuperación da terra agraria que se están a levar a cabo nesta localidade e, concretamente, das permutas de especial interese agrario. Nesta xuntanza tamén estiveron presentes varios veciños do lugar de Cabanelas, onde se proxecta realizar un proxecto de permutas.

A directora xeral resolveu as súas dúbidas e explicou que se trata dunha ferramenta eficaz para a mobilización de terras. A través deste instrumento os propietarios de fincas rústicas poderán intercambialas mediante mutuo acordo, mellorando a produtividade das explotacións agrarias das zonas nas que se implantan.

No concello da Estrada xa se mobilizaron a través deste instrumento un total de 36 parcelas nunha superficie de 9,23 hectáreas; nun proxecto promovido polos propios veciños do lugar de Gueifas, na parroquia de Santa Mariña de Agar. Estes veciños poden acollerse ás axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral para promover instrumentos de mobilización e recuperación da terra agraria, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada con prazo aberto ata o mes de novembro de 2026.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas