Novas

19.11.2024
Medio Rural axilizará a mobilidade de terras no Val de Lemos para optimizar as súas producións agrogandeiras e forestais
Medio Rural axilizará a mobilidade de terras no Val de Lemos

A conselleira María José Gómez reuniuse esta tarde con representantes municipais dos concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón e Sober para avanzar na colaboración institucional nesta materia. A titular de Medio Rural pon en valor o compromiso do seu departamento co regadío nesta zona sur da provincia de Lugo, que se concreta cunha achega de 600.000 € nos orzamentos de 2025. A Xunta reitera, ademais, a súa solicitude de incluír o proxecto do Val de Lemos nos próximos plans de mellora da eficiencia e sustentabilidade en regadíos.

A Consellería do Medio Rural axilizará a mobilidade de terras no Val de Lemos para optimizar as súas producións agrogandeiras e forestais. Así, afondarase na investigación da propiedade e na definición das diferentes utilidades do territorio, mediante un catálogo de usos específico, co fin de incentivar o seu aproveitamento rendible e sustentable.
 

Así o explicou hoxe a titular do departamento, María José Gómez, tras reunirse en Lugo con representantes municipais dos concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón e Sober para avanzar na colaboración institucional nesta materia. Gomez estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Por parte municipal, participaron no encontro os alcaldes de Bóveda e Pantón, José Manuel Arias e José Luis Álvarez, respectivamente, a tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada, e o concelleiro de Sober, Iván Armesto.
 

Nesta xuntanza de traballo, a Xunta reiterou o seu apoio á modernización do regadío do Val de Lemos, que se plasma, entre outras medidas, co compromiso de destinar un total de 600.000 euros a esta finalidade, unha partida contemplada nos orzamentos autonómicos para o 2025.

Ao tempo, a conselleira insistiu -como xa fixera a principios de mes en Madrid a directora da Agader na Mesa Nacional do regadío- en defender a inclusión do proxecto do Val de Lemos nos próximos plans de mellora da eficiencia e da sustentabilidade en regadíos. Ademais, incidiu na necesidade de que se teña en conta esta modernización para aquelas zonas nas que as reestruturacións parcelarias aínda non son unha realidade.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas