Novas

22.04.2025
Medio Rural cede ao Concello de Curtis a titularidade de dous predios da zona da parcelaria de Fisteus
Zona da parcelaria de Fisteus

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, asinaron esta mañá a cesión. Estes predios -que se integran na relación de parcelas da Masa Común da parcelaria-, pasan agora a formar parte das adxudicacións do Concello despois de que este solicitara a súa cesión para fins de interese xeral.

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, asinaron esta mañá a cesión, por parte da Xunta a este Concello coruñés, da titularidade de dous predios situados na zona de concentración parcelaria de Fisteus.

Estes predios -que no citado proceso de concentración parcelaria integrábanse na relación de parcelas da Masa Común-, pasan agora a formar parte das adxudicacións do Concello despois de que este solicitara a súa cesión para fins de interese xeral. A medida lévase a cabo ao abeiro do disposto pola Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Este proceso de reordenación da propiedade desenvolveuse ata a fase de acordo de reestruturación parcelaria, no marco da  Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia. Cando un proceso de reorganización do territorio aínda non está rematado, os concellos poden solicitar a cesión da titularidade de fincas do Fondo de Terras -tamén chamado Masa Común- para equipamentos colectivos ou fins de interese xeral.

O proceso de concentración parcelaria da zona de Fisteus está en fase de Acordo, afecta unha superficie de 3.504 hectáreas, repartidas en 2.011 leiras propiedade de 1.076 titulares. A toma de posesión dos novos predios repercute positivamente nos propietarios, polo incremento da base territorial que supoñen estes procesos de reordenación parcelaria.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas