A Consellería do Medio Rural publica hoxe no DOG o decreto correspondente, para poñer en valor 11,58 hectáreas entre os concellos ourensáns de Ribadavia e Cenlle. Como actividade principal establécense os cultivos leñosos –viñedo principalmente, ao atoparse na Denominación de Orixe Ribeiro— e como secundaria, os pastos permanentes. Na actualidade existen 29 polígonos agroforestais de iniciativa pública en marcha (en diferentes fases de execución) na nosa comunidade, 15 deles na provincia de Ourense, que supoñen a posta en valor de máis de 5.000 hectáreas.
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Alto Castiñeira, entre os concellos de Ribadavia e Cenlle, que permitirá a posta en valor de 11,58 hectáreas distribuídas en 8 parcelas de 10 propietarios. Trátase do primeiro polígono agroforestal de iniciativa privada que se declara de utilidade pública ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria.
A finalidade é pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, que durante un tempo estiveron en estado de abandono ou infrautilización, devolvendo así a actividade de explotación agrícola ou forestal a estas zonas. Neste caso, como actividade principal establécense os cultivos leñosos, principalmente o viñedo, dentro da Denominación de Orixe Ribeiro; e como actividades secundarias, os pastos permanentes.
A mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas axudan a frear os procesos de abandono. O mesmo ocorre co desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos.
Actualmente existen 29 polígonos de iniciativa privada en marcha (en diferentes fases de execución) na nosa comunidade -15 deles na provincia de Ourense-, que supoñen a posta en valor de máis de 5.000 hectáreas distribuídas en 23.053 parcelas propiedade de 5.415 veciños. Este ano está previsto entregar os primeiros polígonos, que son os de Oímbra e Cualedro.
Enlace ao decreto no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260611/AnuncioG0426-050626-0005_gl.html
