Novas

23.04.2025
Medio Rural destina 200.000 euros para a construción dun albergue de peregrinos en Noia ao abeiro da intervención Leader
construción dun albergue de peregrinos en Noia

A conselleira visitou esta mañá as instalacións, situadas na antiga fábrica de curtidos da familia Cadarso, que puideron rehabilitarse grazas ao impulso do Grupo de Desenvolvemento Rural Deloa. O Leader ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo cara arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas. María José Gómez lembrou que o Consello da Xunta aprobou a pasada semana a convocatoria de 2025 das achegas para a execución de operacións de apoio a terceiros para que sexan xestionadas polos GDR, cun orzamento de 12,6 millóns de euros.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, realizou esta mañá unha visita ao novo albergue de peregrinos situado na antiga fábrica de curtidos da familia Cadarso, no concello de Noia. O proxecto foi impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Deloa ao abeiro da intervención Leader, enmarcada no Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027. A iniciativa contou cunha achega de 200.000 euros que permitiu realizar unha reconstrución das instalacións orixinais, datadas no século XVIII.

Durante o seu percorrido polo albergue, no que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polo alcalde de Noia, Santiago Freire; Gómez salientou a importancia do programa Leader, que ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo cara arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas. Esta intervención ten repercusións especialmente positivas no tecido socioeconómico das contornas rurais, xa que contribúe a mellorar as condicións para crear e manter emprego no rural; así como a fixar poboación, remarcou a conselleira.

Seguindo esta liña, a titular de Medio Rural lembrou que a pasada semana aprobouse no Consello da Xunta a convocatoria de 2025 das achegas para a execución de operacións de apoio a terceiros para que sexan xestionadas polos GDR, cun orzamento de 12,6 millóns de euros. Con estas axudas os grupos poderán poñer en marcha proxectos que xeren postos de traballo e fixen poboación no medio rural. Así, con este investimento poderán impulsarse medidas relacionadas con todo tipo de sectores, como o agroalimentario, gandeiro, forestal, turístico, ambiental ou o pequeno comercio.

Como novidade neste período da intervención, a conselleira destacou que esta convocatoria, que se publicará en breves no Diario Oficial de Galicia, inclúe o Bono Activa Rural. Trátase dunha subvención baseada nun importe de axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas, cunha aportación máxima de ata 18.000 euros. Esta axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se relacionará co mantemento da actividade e co cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante, polo menos, cinco anos.


56,9 millóns de euros ata 2027

Neste sentido, o programa Leader está dotado de 56,9 millóns de euros ata 2027; dos cales 17,6 millóns son destinados para gastos de funcionamento dos GDR e os 39,6 millóns de euros restantes para as operacións a terceiros.

No anterior período Leader, cando a intervención estivo incluída na medida 19 do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, aprobáronse máis de 1.500 proxectos, consolidáronse máis de 4.000 empregos e creáronse 1.100 novos. En total, mobilizáronse máis de 169 millóns de euros cunha axuda pública de 77,5 millóns.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas