Novas

18.03.2025
Medio rural destina máis de 400.000 € entre 2024 e 2026 a mellorar infraestruturas en Riotorto e Mondoñedo
máis de 400.000 € entre 2024 e 2026 a mellorar infraestruturas en Riotorto e Mondoñedo

Estes fondos serven para o arranxo e mellora de camiños de titularidade municipal. A conselleira María José Gómez visitou hoxe as obras no lugar de Vilar de Santiago, en Riotorto. Salientou a importancia das infraestruturas viarias para as contornas rurais, xa que xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo nestas zonas.

A Consellería do Medio Rural destina máis de 400.000 euros no período 2024-2026 para a mellora de infraestruturas rurais nos concellos lugueses de Riotorto e Mondoñedo, máis concretamente no arranxo e mellora de camiños de titularidade municipal.

A titular do departamento, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polos alcaldes de ambos concellos, Manuel Otero, de Mondoñedo; e Clemente Iglesias, de Riotorto; visitou hoxe as obras de mellora de infraestruturas rurais no lugar de Vilar de Santiago, neste último municipio.

Neste acto, a conselleira salientou a importancia das infraestruturas viarias para as contornas rurais, xa que xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e traballo nestas zonas. Engadiu que os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa e contribúen a fixar poboación. Favorecen ademais a mellora da competitividade das explotacións, buscando tanto unha adecuada conexión entre os núcleos de poboación como a mellora nos accesos ás parcelas agrícolas.

Cómpre sinalar que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, convoca anualmente este tipo de achegas de xeito ininterrompido dende o ano 2013. Só dende o ano 2016 destináronse máis de 167 millóns de euros a este concepto, o que permitiu actuar en 6.042 camiños municipais, totalizando unha lonxitude de 4.744 quilómetros de vías rurais melloradas no conxunto de Galicia. 

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas