Novas

20.11.2025
Medio Rural destina máis de 48.000 euros á mellora da Ponte do Arco en Masma, no concello de Mondoñedo
Medio Rural destina más de 48.000 euros a la mejora del Puente del Arco en Masma

A directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe as obras que se están a executar para a posta en valor desta infraestrutura e recuperala para o tráfico rodado.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe as obras para a mellora da Ponte do Arco en Masma, situada no concello de Mondoñedo, para as que a Consellería do Medio Rural destina máis de 48.000 euros. O obxectivo desta actuación é poñer en valor esta infraestrutura e recuperala para o tráfico rodado.

A execución deste proxecto enmárcase dentro da aposta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a promoción e posta en valor do patrimonio histórico destas contornas. Deste xeito, e a través desta axuda destinada ao Concello de Mondoñedo, estase a traballar na canalización do río para illar o piar danado, que será restaurado manualmente con pedra natural e outros materiais respectuosos coas características orixinais da construción e acordes co contorno.

Desde a Consellería do Medio Rural colabórase activamente cos concellos en materia de infraestruturas nestas zonas e, como exemplo disto, no vindeiro ano destinará 17,7 millóns de euros para o desenvolvemento do Plan Camiña Rural, co que se apoia ás entidades locais nas tarefas de ampliación e mellora de vías municipais.
 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas