Novas

18.02.2025
Medio Rural destina preto de 156.000 euros para favorecer a dinamización socioeconómica do concello de Boimorto
156.000 euros para favorecer a dinamización socioeconómica do concello de Boimorto

A titular do departamento, María José Gómez, visitou o parque interxeracional promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, que foi beneficiario da medida Leader cunha axuda de algo máis de 87.000 euros. Ademais, a conselleira tamén puxo en valor as achegas vinculadas ao Plan Marco 2024-2025 para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas, cunha aportación de case 69.000 nesta localidade.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, realizou esta mañá unha visita a este concello coruñés para visitar o parque interxeracional posto en marcha co apoio do programa Leader.

Cun investimento de algo máis de 87.000 euros, este espazo de lecer para maiores e nenos busca promover o envellecemento activo e a socialización entre ambos nun entorno seguro e adaptado ás distintas necesidades de cada un. Esta iniciativa, segundo destacou a conselleira, foi promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo e mellora as condicións de vida da poboación.

Neste sentido, a titular do Medio Rural tamén fixo referencia a outros apoios ao concello de Boimorto. Puxo como exemplo un investimento de preto de 69.000 euros para mellora de camiños co obxectivo de facilitar o acceso a parcelas agrícola, concedidos a través do Plan Marco 2024-2025. María José Gómez salientou que estas axudas contribúen a fortalecer o tecido económico do sector primario.

En definitiva, a conselleira resaltou que todos estes apoios van encamiñados a favorecer a dinamización socioeconómica das contornas rurais, neste caso do concello de Boimorto, que ao mesmo tempo buscan fixar poboación nestas zonas.


Programa Leader

Este programa contribúe a mellorar as condicións para crear e manter emprego no rural, así como impulsar a economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación. A medida atópase actualmente baixo o Plan Estratéxico da Política Agraria Común e asinouse un convenio de colaboración cos GDR para a aplicación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.

Deste xeito, o programa está dotado de 56,9 millóns de euros ata 2027, dos cales 17,6 millóns están destinados aos gastos de funcionamento e os 39,6 millóns adicionais son para as operacións a terceiros que se executarán a través de liñas de achegas.

Anteriormente, mentres a medida Leader estivo enmarcada no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 aprobáronse máis de 1.500 proxectos, consolidáronse máis de 4.000 empregos e creáronse uns 1.100 novos. Neste contexto o Goberno autonómico mobilizou máis de 169 millóns de euros cunha axuda pública de 77,5 millóns de euros para operacións a terceiros.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas