A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse na mañá de hoxe co alcalde do concello ourensán de Paderne de Allariz, Manuel Pérez, con quen avaliou o estado dos instrumentos de recuperación da terra agraria que actualmente se atopan en proceso no municipio.
De xeito concreto, abordaron a situación do polígono agroforestal de Solbeira, que actualmente se atopa en fase de redacción do proxecto básico, e que abrangue unha superficie de 43,36 hectáreas distribuídas en 317 parcelas propiedade de 208 titulares catastrais. A conselleira destacou as potencialidades deste instrumento, que favorece a recuperación e posta en produción de terras con boa capacidade produtiva que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, co fin de fomentar a súa rendibilidade.
