Novas

28.04.2026
Medio Rural inviste máis de 1,7 millóns de euros para mellorar a rede de 74 camiños da parcelaria de Val de Camba en Rodeiro
parcelaria de Val de Camba en Rodeiro

A conselleira María José Gómez visitou esta zona de reestruturación parcelaria na que veñen de comezar as actuacións. Explicou que estas obras permitirán actuar en máis de 26 quilómetros de camiños e melloraranse as entradas das fincas cuxos propietarios así o solicitasen, arredor de 140, coa formación de ramplas e outras accións. Reafirmou a aposta do Goberno galego polas parcelarias como unha ferramenta clave de mobilización de terras, nas que se seguirá traballando coa previsión de entregar 25 antes de 2028, entre as que se atopan as de Alfoz e Mesía deste mesmo ano.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe os terreos da zona de reestruturación parcelaria de Val de Camba, no concello de Rodeiro, na que se veñen de iniciar as obras para a mellora dunha rede de 74 camiños, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros.

Neste sentido, a conselleira explicou que os labores se centran tanto en vías principais como secundarias; así como na dotación de accesos aos novos predios. En total, estas obras permitirán actuar en máis de 26 quilómetros de camiños. Salientou tamén que se mellorarán as entradas das fincas cuxos propietarios así o solicitasen, arredor de 140, coa formación de ramplas e outras accións.

Gómez sinalou que, grazas a esta actuación de relevancia, mellorarase unha parcelaria que abrangue unha superficie superior ás 1.800 hectáreas, divididas en preto de 1.870 parcelas de 722 propietarios. Así mesmo, destacou o investimento de case 4 millóns de euros nos labores de reestruturación.


Ferramenta clave na mobilización de terras

A conselleira do Medio Rural reafirmou a aposta do Goberno galego polas parcelarias como unha ferramenta clave de mobilización de terras. Neste senso, lembrou que este ano destínanse 16,7 millóns de euros para seguir impulsando este tipo de procesos, catro máis que no 2025.

A maiores, destacou que desde o 2020, entregáronse un total de 39 concentracións parcelarias. En total, supoñen unha superficie de máis de 27.000 hectáreas que beneficiaron preto de 20.460 propietarios. Gómez engadiu que se seguirá traballando nesta liña coa previsión de entregar 25 parcelarias antes do 2028, entre as que se atopan as de Alfoz e Mesía deste mesmo ano, así como iniciar os trámites para decretar sete novas reestruturacións neste 2026.

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas