Novas

10.06.2025
Medio Rural inviste preto de 280.000 euros na mellora do saneamento na rede viaria da parcelaria de Baión, no Concello de Vilanova de Arousa
Mesa de reunión

A conselleira María José Gómez asinou hoxe o convenio de colaboración no que se recolle esta actuación incluída dentro do Plan de Infraestruturas Rurais de 2025. Remarcou a importancia deste tipo de accións que contribúen a mellorar as condicións de vida e de traballo no rural galego. Ademais, tamén salientou que o Goberno galego destinou máis de 140.000 euros para a mellora de camiños rurais nesta localidade pontevedresa desde 2023, a través do Plan Marco e do Plan Camiña Rural.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, asinou hoxe un convenio co alcalde do Concello de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, para levar a cabo unha actuación incluída dentro do Plan de Infraestruturas Rurais de 2025.

Neste sentido, a conselleira detallou que a obra obxecto deste convenio consiste na mellora da rede de saneamento nas novas vías da parcelaria de Baión, cun investimento de case 280.000 euros. Este é unha das dúas zonas de reestruturación parcelaria coas que conta o concello de Vilanova de Arousa, a través das cales se está actuando nunha superficie de máis de 1.100 hectáreas. Concretamente, a de Baión, abrangue unhas case 700 hectáreas de máis dun milleiro de propietarios e para a que xa se destinaron 3,5 millóns de euros para a execución de redes de camiños.

Ademais, a conselleira quixo poñer en valor o Plan de Infraestruturas Rurais co que se acometen obras que serven para mellorar as condicións de vida e de traballo no rural galego, ao mesmo tempo que se favorece o tránsito polas vías e o desenvolvemento da actividade agraria. Neste contexto, salientou a importancia da cooperación entre institucións, neste caso entre a Xunta e o Concello de Vilanova de Arousa, para impulsar este tipo de accións.


Mellora de camiños rurais

A conselleira do Medio Rural tamén lembrou os investimentos do Goberno galego en materia de mellora de camiños neste concello. En concreto, desde o 2023 investíronse máis de 140.000 euros para este tipo de accións que xeran cohesión social e territorial neste tipo de contornas.

No marco do Plan Camiña Rural 2025-26, o Concello de Vilanova de Arousa recibirá unha achega de máis de 50.000 para executar obras de pavimentación de camiños nos lugares da Fontenla e Paderne. Deste xeito, afirmou a conselleira, séguese apostan pola modernización das infraestruturas rurais co fin de mellorar os servizos que se brindan á poboación.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas