Novas

05.08.2025
Medio Rural pon en valor as achegas de máis de 1,3 millóns de euros para o sector vitivinícola da Ribeira Sacra
Medio Rural pon en valor as achegas de máis de 1,3 millóns de euros para o sector vitivinícola da Ribeira Sacra

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitou a adega Alma das Donas en Pantón, onde salientou o labor que desenvolven as persoas viticultoras na conservación da contorna paisaxística, na loita contra a erosión dos viñedos, así como na fixación de poboación no rural. Destacou tamén a importancia desta contorna, candidata a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
 

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, visitou hoxe as instalacións da adega Alma das Donas, situada no concello lucense, onde puxo en valor o labor que desenvolven as persoas viticultoras na conservación da contorna paisaxística e na loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. Durante a visita, Rodríguez destacou o compromiso da Xunta con este eido, que neste 2025 destinou 1,3 millóns nunha liña de achegas específica da que a adega Almas das Donas foi beneficiaria.

Sinalou que o cultivo da vide nesta zona, caracterizado polo sistema tradicional en socalcos con muros de pedra, ten un papel clave na configuración da paisaxe singular desta zona. Ademais de preservar este patrimonio agrario e natural, o sector vitivinícola actúa como motor económico da comarca, favorecendo a fixación de poboación, a remuda xeracional e a xeración de oportunidades para a mocidade rural, ao tempo que impulsa un atractivo turístico en constante crecemento. Destacou que a Ribeira Sacra abrangue vinte e seis concellos das provincias de Lugo e Ourense, configurados arredor dos ríos Miño, Sil, Cabe e Bibei, que marcan a identidade deste territorio.

A directora xeral explicou que o obxectivo destas achegas, que permitiron beneficiar a case 800 viticultores, é recoñecer o traballo que desenvolven os viticultores e a súa repercusión na conservación da paisaxe, que tamén ten unha importante relevancia social e turística. A maiores, destacou a importancia desta contorna, clave na candidatura a Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Rodríguez lembrou que esta liña de achegas forma parte dun paquete de medidas de apoio aos viticultores da DO Ribeira Sacra, posto en marcha no ano 2024 para paliar as consecuencias da baixada de consumo de viño tinto a nivel internacional. Este paquete inclúe outras actuacións como as achegas para a destilación de crise, entre outras.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas