Novas

23.07.2026
Medio Rural pon ás persoas no centro do valor patrimonial da Ribeira Sacra xunto coa paisaxe, a historia e o viño
Foro Territorios Patrimonio

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, apostou por un territorio que “ten que estar vivo” na apertura do Foro Territorios Patrimonio en Sober. Sumouse ao desexo de que a Ribeira Sacra reciba o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, pero sinalou que “pase o que pase, hai algo que xa temos: o orgullo de contar cun territorio único e cunha xente que leva anos demostrando o seu valor”. Fixo especial fincapé no papel do viño como factor de desenvolvemento desta zona e na súa importancia á hora de definir unha paisaxe única a través da viticultura heroica.
 

 

Foro Territorios Patrimonio

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reafirmou hoxe a aposta da Xunta pola Ribeira Sacra como un territorio que “ten que estar vivo”, no sentido de que o seu futuro pasa por conseguir que continúe tendo persoas que o habiten. E sinalou que, precisamente, os habitantes son o seu principal recurso, xunto coa paisaxe e a historia.  A directora interveu esta mañá na apertura institucional do Foro Territorios Patrimonio, acto que tivo lugar nas Bodegas Regina Viarum e no que estivo acompañada polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Neste contexto, Rodríguez amosou o seu desexo de que a Ribeira Sacra reciba o recoñecemento internacional como Patrimonio da Humanidade, “polo que tanto se traballou”, engadiu. Porén, indicou tamén que “pase o que pase, hai algo que xa temos: o orgullo de contar cun territorio único e cunha xente que leva anos demostrando o seu valor”.


A viticultura heroica

A directora fixo especial fincapé no viño como factor de desenvolvemento desta zona e na súa importancia á hora de definir unha paisaxe única a través da viticultura heroica. Neste sentido, afirmou que “heroicas son tamén as persoas que fan posible esa viticultura” e valorou a capacidade deste territorio para unirse na candidatura a Patrimonio da Humanidade e de conseguir que administracións e xentes con diferentes sensibilidades traballasen xuntas.

 

Así, sobre o papel do Goberno galego, reiterou o seu compromiso por “seguir acompañando este camiño” mediante o apoio aos viticultores, o impulso á incorporación de novas xeracións ao rural, a axuda ás adegas para seguir mellorando a súa calidade e competitividade e promovendo un produto que representa moito máis ca unha botella de viño; representa “unha forma de entender a vida”, remarcou Rodríguez.

Na mesma liña, a directora da axencia adscrita á Consellería do Medio Rural definiu a Ribeira Sacra como “un lugar que se sente”, como algo máis que un destino que se pode visitar. E por iso, advertiu, “cando falamos dela, estamos falando dunha maneira de entender Galicia, e iso é Galicia Calidade”, aseverou.

En relación con este foro de Sober, Rodríguez puxo en valor os seus dez anos de traxectoria a través dos que se creou “un espazo para pensar antes de actuar”, así como tamén “para escoitar, dialogar e para mirar o futuro sen esquecer as raíces”. E trasladou que a cita “demostra que o patrimonio non é só aquilo que recibimos, senón tamén aquilo que decidimos entregar”.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas