Os modelos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e figurarán na Guía de procedementos e servizos. Trátase de facilitar a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade ou ben o acceso a unha explotación do Banco a aquelas persoas interesadas no seu arrendamento ou adquisición. O proceso de transmisión de explotacións estará tutelado pola Administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen os modelos normalizados das solicitudes de inclusión dunha explotación no Banco de Explotacións e de intermediación para o acceso a unha explotación nesta ferramenta. Os modelos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e figurarán na Guía de procedementos e servizos.
Esta norma publícase consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e permitirá, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición.
Esta orde, xunto co visor público, supoñen a posta en marcha, de facto, do Banco de Explotacións, tal e como foi aprobado este mesmo luns polo Consello da Xunta. O visor comezará a funcionar unha vez estean resoltas as solicitudes de inclusión e permitirá a localización e visualización das características principais das explotacións susceptibles de tramitación.
Cómpre salientar, ademais, que o proceso de transmisión de explotacións estará tutelado pola Administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais. Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento.
Prazo aberto todo o ano
Na orde que publica hoxe o DOG establécese que as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía telemática a través dos formularios normalizados dispoñibles na devandita sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación estará aberto durante todo o ano.
Unha vez recibida a solicitude de inclusión dunha explotación agroforestal no Banco de Explotacións, a persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ditará a resolución mediante a cal a incorporará ao Banco. O prazo de resolución das solicitudes será de tres meses. Se transcorre o prazo sen que se ditara resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250212/AnuncioG0426-310125-…
