Novas

06.02.2026
A nova convocatoria do Plan Camiña Rural para concellos ábrese hoxe ata o 5 de marzo por case 19 millóns de euros
La nueva convocatoria del Plan Camina Rural para ayuntamientos se abre hoy

María José Gómez salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “vertebran o territorio e son claves na dinamización social e económica do noso agro”. Desde o ano 2016, e cando rematen os traballos da convocatoria pasada, ao abeiro desta iniciativa terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de axudas de case 156 millóns de euros en toda Galicia.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, comprobou esta tarde a evolución das obras de mellora de camiños que se están realizando ao abeiro do Plan Camiña Rural neste concello, concretamente na vía que une Arceo e Vilasantar.

A visita coincide co inicio, desde hoxe venres, do prazo de un mes do que disporán os municipios para solicitar as axudas da convocatoria 2026-2027 para mellora de camiños rurais, que foi publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que está dotada con preto de 19 millóns de euros.

Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España e os seus beneficiarios son todos os concellos galegos, que grazas a elas poderán acometer traballos de ampliación ou de mellora nos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.

A conselleira salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “vertebran o territorio e son claves na dinamización social e económica do noso agro”, remarcou. Ao tempo, puxo en valor o traballo realizado nos últimos anos e neste sentido destacou que desde 2016, e cando se completen os traballos da convocatoria de 2025, terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de axudas de case 156 millóns de euros en toda Galicia.


Actuacións en Boimorto

No que atinxe a Boimorto en particular, Gómez subliñou que este municipio recibiu na última convocatoria algo máis de 65.000 euros para a mellora do devandito camiño de Arceo a Vilasantar, cuxas obras avanzan a bo ritmo. Para o período 2026-2027, este concello ten asignado xa un importe mínimo doutros case 64.000 euros.

Así, a localidade, coma o resto de entes locais, beneficiarase dunha cantidade fixa, que despois modularase empregando criterios de localización, despoboamento, superficie e un coeficiente de agrariedade, onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria.

Desta forma, a cifra base por concello será de 24.550 euros, e a partir de aí amplíase o orzamento segundo os referidos criterios. Por cada concello poderá presentarse ata un máximo de dous proxectos, e cada un deles poderá contemplar un máximo de tres actuacións. Enténdese por “actuación” a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. O orzamento de execución material de cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000 euros.
 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas