Novas

02.10.2022
Os enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia recoñecen o modelo de Aldeas Intelixentes da Xunta
Os enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia recoñecen o modelo de Aldeas Intelixentes da Xunta
O xurado valorou que esta iniciativa “trata de garantir a dixitalización e a redución da fenda dixital en contornas rurais, da man de solucións sustentables que teñan o menor impacto posible”. A directora xeral da Axencia, Inés Santé, agradeceu unha distinción que -dixo- supón un acicate para seguir traballando nesta liña de impulsar o rural galego mediante o aproveitamento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. As Aldeas Intelixentes centrarán unha xornada monográfica organizada pola Xunta que terá lugar o vindeiro venres 7 de outubro na Cidade da Cultura e que está aberta ao público en xeral, que pode inscribirse na web: https://aldeasintelixentes.gal

A Xunta vén de recibir o premio Vantage Towers ao mellor proxecto TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para a sustentabilidade e coidado da terra 2022. Este galardón, instituído polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia en colaboración coa empresa Vantage Towers, foi concedido por unanimidade do xurado á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A directora xeral desta entidade, Inés Santé, foi a encargada de recoller a distinción, que responde á importancia do modelo de aldeas intelixentes impulsado pola Axencia adscrita á Consellería do Medio Rural. Así, o xurado valorou que esta iniciativa “trata de garantir a dixitalización e a redución da fenda dixital en contornas rurais, da man de solucións sustentables que teñan o menor impacto posible”.

Ademais, recoñécese que a través deste proxecto trátase de obter solucións innovadoras por medio da tecnoloxía, para desenvolver e implementar na rede de aldeas servizos dixitais rurais pensados para a bioeconomía deses espazos, así como solucións sustentables para a produción agraria e para a construción e urbanización, baseadas na natureza e na transición enerxética.

Na entrega do premio, Inés Santé agradeceu unha distinción que -dixo- supón un acicate para seguir traballando nesta liña de impulsar o rural galego mediante o aproveitamento das TIC. Ademais, a directora xeral puxo en valor os esforzos da Xunta a prol do agro, que -no caso das aldeas intelixentes- intégranse nun marco máis amplo establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esta norma, lembrou, propiciou a creación de figuras como as aldeas modelo, entre outras ferramentas de mobilización da terra, todas elas enfocadas á loita contra o abandono e a favor da dinamización social, económica e ambiental dos espazos rurais da nosa comunidade.


Xornada na Cidade da Cultura

Precisamente, as aldeas intelixentes centrarán unha xornada monográfica organizada pola Xunta que terá lugar o vindeiro venres 7 de outubro na Cidade da Cultura e que está aberta ao público en xeral, que pode inscribirse na web: https://aldeasintelixentes.gal/.

Neste evento, que será inaugurado polo conselleiro do Medio Rural, José González, presentaranse os resultados acadados con esta iniciativa e os seguintes pasos a dar. Na xornada participarán tamén varios técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a propia directora xeral desta entidade, Inés Santé, que será ademais a encargada de pechar o foro.