Subliña que nestas máis de tres décadas permitiu “consolidar 7.300 empregos e crear outros 5.300”. Lembra que o mes pasado a Xunta publicou unha convocatoria histórica destes fondos, dotada con 28,7 M€ ata 2028. Reclama unha Política Agraria Común forte e con fondos suficientes e diferenciados. Pon en valor o traballo dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) para “darlle vida ao rural” e que “os 313 concellos teñan un equilibrio para poder seguir vivindo cada un onde queira”.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os fondos Leader mobilizaron nos últimos 35 anos -desde a súa posta en marcha- un total de “1.000 millóns de euros na nosa comunidade”, un apoio moi importante ao desenvolvemento rural de Galicia que, defendeu, se debe manter na nova Política Agraria Común (PAC).
Así o sinalou esta mañá durante a súa participación nun acto de conmemoración destes fondos europeos, no que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Alí, destacou que o financiamento mobilizado polo programa nestas algo máis de tres décadas permitiu apoiar “8.000 proxectos, consolidar 7.300 empregos e crear outros 5.300”.
O pasado mes de febreiro publicouse a nova convocatoria do Leader para os próximos tres anos -ata 2028-, dotada cun total de 28,7 millóns de euros, “a maior convocatoria que houbo nunca de fondos para estas axudas”, apuntou.
Rueda concretou que a importancia destas cifras radica en que se traducen nun impacto real no territorio, xa que permiten a posta en marcha de proxectos turísticos, a ampliación de instalacións de empresas, a diversificación da actividade económica no medio rural, a rehabilitación de edificios emblemáticos ou a atención social. En definitiva, “darlle vida ao rural” e que “os 313 concellos teñan un equilibrio para poder seguir vivindo cada un onde queira”, asegurou Rueda.
Neste sentido, eloxiou o traballo dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que hai en Galicia e o seu papel na xestión deste programa europeo. Os GDR son asociacións público-privadas sen ánimo de lucro que están constituídas por entidades de ámbito económico, social, cultural veciñal ou profesional da zona que se implican no reparto de axudas, na avaliación de proxectos ou no asesoramento de promotores. Así, considerou que este modelo, baseado na proximidade, é un acerto á hora de poñer en marcha iniciativas exitosas.
Unha nova PAC suficiente e con fondos diferenciados
“É o momento de volver levantar a bandeira do que supón dispoñer destas cantidades e de que os GDR sigan sobre o terreo”. Así o manifestou o presidente da Xunta, valorando que o programa Leader ten sido fundamental para o desenvolvemento do rural galego, polo que reclamou a necesidade de que se siga preservando no novo marco financeiro europeo.
Neste contexto, reiterou as demandas de Galicia de que a nova PAC teña unha dotación suficiente, con fondos blindados e diferenciados para o desenvolvemento rural (entre os que se inclúe este programa); “hai que manter os fondos, seguen sendo necesarios”, indicou. Así mesmo, volveu reclamar “a xestión descentralizada neste tipo de fondos europeos, así como reducir a burocracia”.
Recordou que a semana pasada trasladou estas demandas persoalmente ao comisario europeo de Agricultura e Alimentación nunha reunión en Bruxelas; ademais de que xa se fixeron chegar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación co obxectivo de que defenda os intereses de Galicia.
