Novas

16.06.2026
A Xunta amplía o orzamento e incorpora novos premios para recoñecer os proxectos de desenvolvemento rural de Galicia
Premios Desenvolvemento Rural

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no DOG a resolución pola cal se aproban as bases reguladoras destes galardóns, que neste 2026 celebran a súa XVII edición. Como principal novidade, incorpórase un terceiro premio para cada categoría dotado cun orzamento de 1.000 euros. Hai un total de seis categorías diferentes: Mocidade, Proxectos de interese social, Sector agro-gandeiro, Mulleres, Innovación tecnolóxica, Recuperación e posta en valor da terra agraria. Trátase duns galardóns con moita importancia para a nosa comunidade, xa que con eles se recoñecen e difunden iniciativas que contribúen a promover o medio rural e a construír unha sociedade rural máis dinámica e con maior cohesión.

A Xunta amplía o orzamento e incorpora novos premios para recoñecer os proxectos de desenvolvemento rural en Galicia. Así se reflicte na resolución da Consellería do Medio Rural que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) coas bases reguladoras dos Premios ao Desenvolvemento Rural, e pola que se convoca a XVII edición destes galardóns. Esta edición contará cun primeiro premio, dotado con 10.000 euros; dun segundo, de 3.000 euros e, como principal novidade, cun terceiro premio cunha dotación de 1.000 euros para cada unha das seis categorías.

Trátase duns galardóns con moita importancia para a nosa comunidade, xa que con eles se recoñecen e difunden iniciativas que contribúen a promover o medio rural e a construír unha sociedade máis dinámica e con maior cohesión. A primeira das categorías destes premios é Mocidade, para iniciativas de persoas mozas ou dirixidas a elas que apostan polo futuro do rural galego. Séguelle a de Proxectos de interese social, que promoven a integración de colectivos vulnerables ou coidado de maiores e dependentes; e a de Sector agro-gandeiro, que valora propostas nos ámbitos agrícola, gandeiro ou agroalimentario cun enfoque innovador.

As outras tres categorías son Mulleres, destinada a iniciativas lideradas por ou dirixidas a mulleres no rural que promovan a igualdade e o emprendemento; Innovación tecnolóxica, para proxectos que incorporen tecnoloxía en procesos ou servizos; e Recuperación e posta en valor da terra agraria, centrada na recuperación de terras infrautilizadas. Os criterios de valoración inclúen o impacto socio-económico no territorio, a creación de emprego, a sustentabilidade ambiental, a inserción laboral da muller e de colectivos desfavorecidos, o apoio social, a innovación, a orixinalidade e o feito de desenvolverse nun concello en risco de despoboamento, entre outros.


Aberto o prazo de solicitude

Poderán presentar iniciativas aos premios ao desenvolvemento rural de Galicia as persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan titulares das iniciativas que presenten. Os premios concederanse tendo en conta diversos criterios de valoración, como a contribución da iniciativa ao desenvolvemento socio-económico do territorio ou á xeración de emprego, á inserción laboral da muller ou o desenvolvemento da iniciativa en risco de despoboamento, entre outros. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá.


Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260616/AnuncioO90-090626-0001_gl.html

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas