Novas

13.03.2022
A Xunta anima aos participantes no I Torneo Internacional de Debate a coñecer o potencial do rural galego
A Xunta anima aos participantes no I Torneo Internacional de Debate a coñecer o potencial do rural galego

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural clausurou esta primeira edición, celebrada no Pazo de Quián de Sergude. Inés Santé trasladoulles os pasos que está dando a Consellería do Medio Rural a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para poñer en valor terra produtiva que a día de hoxe se atopa en estado de abandono ou infrautilizada

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou esta mañá no Pazo de Quián (en Sergude, Boqueixón) a I edición do Torneo Internacional de Debate BP Compostela. Na súa intervención, a representante da Xunta agradeceu a participación de máis dun cento de estudantes de toda España e parte de Latinoamérica e convidounos a seguir coñecendo o potencial do rural galego, centrándose na actividade agroalimentaria sostible e de calidade e coa vista posta nas futuras aldeas intelixentes.

Neste sentido, Inés Santé trasladoulles os pasos que está dando a Consellería do Medio Rural a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para poñer en valor terra produtiva que a día de hoxe se atopa en estado de abandono ou infrautilizada. E, precisamente, o complexo do pazo de Quián -o “Espello do rural”- dará mostra dese potencial que ten o agro galego, vinculando os sector agropecuario e forestal, pasando polos ámbitos máis próximos á gastronomía e ao turismo e convertendo esa finca de 90 hectáreas sita no municipio de Boqueixón nun escaparate real do que engloba o rural de Galicia.

Por último, a responsable da Administración autonómica amosou o seu orgullo polo feito de que este evento contribúa a poñer en valor á muller, despois do seu día conmemorativo, algo que -sinalou- se aprecia en detalles coma os nomes das aulas de debate, xa que todas elas están bautizadas con nomes de grandes mulleres.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas