Novas

13.03.2022
A Xunta anima aos veciños de Porqueira a implementar a aldea modelo de Lovios para poñer en valor unhas 35 hectáreas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria
A Xunta anima aos veciños de Porqueira a implementar a aldea modelo de Lovios para poñer en valor unhas 35 hectáreas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria
O subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo un encontro con veciños deste municipio ourensán. A aldea implicaría unhas 1.138 parcelas de arredor de 112 propietarios. A xuntanza buscaba informar aos titulares das posibilidades de dinamización social e económica que ofrece este instrumento voluntario de mobilización, antes de recoller as sinaturas requiridas para a súa posta en marcha

A Xunta anima aos veciños da parroquia de Paradela de Abelenda, no concello ourensán de Porqueira, a apostar pola implementación dunha aldea modelo no lugar de Lovios ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, mantivo un encontro con parte dos 112 propietarios que estarían implicados na aldea modelo solicitada polo consistorio, que abranguería unhas 34,8 hectáreas distribuídas nunhas 1.138 parcelas.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, contornas de núcleos de poboación. Así, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte aos lumes.

Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha desta aldea modelo de Lovios, en Porqueira. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70% do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase á roza e limpeza da contorna da parroquia para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade ou actividades económicas que se consideren máis axeitadas para a zona co obxectivo de recuperar e dinamizar o territorio.