A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compareceu na Comisión 7ª do Parlamento para informar sobre este programa, cuxa convocatoria deste ano conta cun orzamento histórico de 28,7 M€ e recibiu 984 solicitudes. A maiores, sinalou que desde o Goberno galego se segue reclamando unha nova PAC forte e con orzamento suficiente para poder continuar co apoio a este tipo de iniciativas. Por outra banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias respondeu unha pregunta relativa á loita fronte á flavescencia dourada da vide, da cal a Consellería desenvolve anualmente un programa para favorecer unha detección temperá da enfermidade. En relación co verme defoliador do millo, destacou que se dispón dunha rede de vixilancia para este invertebrado, e lembrou que xa se lle trasladou ao Ministerio a necesidade de axilizar as negociacións para poder aplicar tratamentos fitosanitarios específicos a través de drons. O director xeral de Defensa do Monte deu resposta a outra cuestión sobre as actuacións de restauración tralos incendios do pasado ano na comarca de Valdeorras e explicou a finalidade das parroquias de alta actividade incendiaria.
A intervención Leader mobilizou máis de 40 millóns de euros para o rural galego en axudas para a posta en marcha de proxectos de desenvolvemento rural, ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Así o trasladou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, quen compareceu hoxe, a petición propia, na Comisión 7ª do Parlamento para informar sobre este programa.
Neste sentido, detallou os datos da última convocatoria, a deste ano, que conta cun orzamento histórico de 28,7 millóns de euros ao longo de tres anos. Explicou que en total recibíronse 984 solicitudes de axuda, o que reflicte a confianza do tecido económico e social neste programa. Indicou que actualmente, estas solicitudes atópanse en fase de análise e avaliación por parte dos 24 de Grupos de Desenvolvemento Rural recoñecidos en Galicia, dos cales salientou o gran labor que desempeñan representando a máis de 1.900 entidades asociadas.
En canto á convocatoria de 2025, a primeira realizada no marco do Pepac 2023-2027, lembrou que se resolveu cun orzamento superior aos 11,3 millóns de euros e a aprobación de 346 proxectos, o que se traduce en 930 empregos creados ou mantidos grazas a unha única convocatoria do Leader. Entrando ao detalle, a directora salientou que as iniciativas aprobadas se enfocan principalmente nos servizos á poboación, pero tamén na recuperación do patrimonio, na pequena industria ou no ámbito turístico, entre outros.
De cara á futura PAC, Rodríguez sinalou que desde o Goberno galego se segue reclamando unha PAC forte e con orzamento suficiente para poder continuar co apoio a este tipo de iniciativas, que contribúen ao desenvolvemento rural e que se benefician da intervención Leader. Neste sentido, destacou que detrás de cada expediente hai unha persoa que aposta polo territorio e, por iso, engadiu que se seguirá traballando por unha xestión máis eficaz, áxil e próxima, reforzando a colaboración cos GDR e impulsando a simplificación administrativa.
Flavescencia dourada da vide
Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, lembrou as actuacións levadas a cabo polo Goberno autonómico para facer fronte á flavescencia dourada da vide, todas elas enmarcadas nun Plan de acción específico deseñado pola Consellería. Así, explicou que a Xunta desenvolve anualmente un programa de prospección en viñedo para favorecer unha detección temperá desta enfermidade; ademais de realizar traballos de delimitación e actualización das zonas demarcadas.
Ao abeiro deste plan realízase tamén un seguimento exhaustivo do insecto vector con trampas cromáticas distribuídas pola comunidade e publícanse avisos fitosanitarios (o último a finais do mes de xuño). Cabe sinalar que cando se confirma oficialmente a presenza desta enfermidade obrígase a eliminación das plantas sintomáticas. A maiores, a Consellería desenvolve un programa para a identificación e eliminación de parcelas de vide abandonadas. Na provincia de Ourense iniciáronse as actuacións nos concellos de Castrelo de Miño e Ribadavia, sobre un total de 1.163 parcelas, cunha superficie de 743,89 hectáreas.
En relación co verme defoliador do millo, Balseiros destacou que a Consellería dispón actualmente dunha rede de vixilancia para este invertebrado, integrada por 111 puntos de seguimento distribuídos nas principais zonas produtoras de millo ás que cómpre engadir as trampas de feromonas. Neste contexto, sinalou que xa se lle trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a necesidade de urxir ante a Unión Europea a axilización das negociacións para poder aplicar tratamentos fitosanitarios específicos a través de dron.
Actuacións de restauración tralos incendios en Valdeorras
No marco desta Comisión, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, respondeu unha pregunta relativa ás actuacións de restauración tralos incendios do pasado verán na comarca de Valdeorras. Detallou que desde o primeiro momento elaborouse unha planificación técnica, baseada en criterios científicos, en colaboración co CSIC para determinar as zonas prioritarias de actuación a través de acolchado de palla para a consolidación de solos e redución da escorrentía superficial coa técnica do mulching, coa instalación de albarradas e faxinas ou coa mellora de pistas forestais.
De forma global, detallou que se actuou en máis de 100 hectáreas mediante mulching, instaláronse arredor de 1.000 metros de albarradas e melloráronse infraestruturas danadas polos incendios cun investimento de 1,6 millóns de euros.
O director salientou que se está a facer un seguimento permanente da evolución dos solos e da vexetación para deseñar actuacións onde sexa preciso. Neste senso, explicou que o propio persoal do Distrito XIII Valdeorras monitoriza as zonas afectadas, recollendo información precisa para poder actuar con carácter inmediato se é necesario.
Parroquias de alta actividade incendiaria
O director xeral de Defensa do Monte tamén contestou outra cuestión relativa ás parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Neste sentido, explicou que son aquelas situadas en zonas de alto risco que, ben polo elevado número de incendios reiterados, ou pola especial virulencia destas, precisan medidas extraordinarias de prevención e protección. Deste xeito, destacou que a clasificación destas parroquias permite identificar os territorios onde é preciso intensificar as actuacións preventivas, reforzar a vixilancia e orientar de maneira prioritaria os recursos públicos.
O director detallou que este 2026 están declaradas 35 PAAI, das cales 24 xa figuraban na relación do ano anterior. Engadiu que a finalidade desta figura non é confeccionar unha listaxe, senón dar prioridade aos investimentos onde o risco é maior. De feito, salientou que ao abeiro da convocatoria 2025 das axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man comín e agrupacións forestais de xestión conxunta, aprobáronse axudas por importe de 1 millón de euros en concellos con PAAI e 445.000 € para actuacións específicas nestas parroquias.
A maiores, tamén puxo en valor outras accións como os convenios coas entidades locais que favorecen actuacións de prevención en concellos con PAAI recoñecidas ou cooperación con seis mancomunidades de Ourense para a creación de brigadas, das cales dúas teñen algunha destas parroquias. Ao mesmo tempo, tamén se realizan traballos preventivos impulsados pola propia Consellería. Por último, fixo fincapé que desde o 2022 se desenvolve un programa específico de formación e sensibilización nas PAAI e, este ano, volveranse realizar 20 edicións destinadas á veciñanza do rural para fomentar a autoprotección, a prevención e o cumprimento da normativa.
