Novas

03.08.2022
A Xunta avaliará a posible creación dun polígono agroforestal na Mezquita para cultivo de cereal
A Xunta avaliará a posible creación dun polígono agroforestal na Mezquita para cultivo de cereal
A posibilidade de desenvolver esta figura da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia foi trasladada polo rexedor aos responsables da Consellería, que se comprometeron a estudar a súa viabilidade. A iniciativa pretende poñer en valor zonas de concentración parcelaria abandonadas, tendo en conta as áreas identificadas como zonas preferentes de actuación por parte de Medio Rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde da Mezquita, Rafael Pérez.

A reunión serviu para avanzar na colaboración institucional a prol do agro neste concello ourensán e máis concretamente no impulso á recuperación e mobilización de terras a través dos mecanismos que facilita a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste sentido, o rexedor trasladou o interese dos veciños por aproveitar figuras como os polígonos agroforestais para poñer en valor zonas de concentración parcelaria abandonadas para cultivo de cereal, tendo en conta as áreas identificadas como zonas preferentes de actuación por parte da Consellería.

Os responsables de Medio Rural comprometéronse a estudar a proposta municipal e mesmo a avaliar a súa implementación dentro do Plan Monterrei, no que colaboran diferentes administracións -entre elas a Xunta- e que ten por obxecto dinamizar o rural da zona suroriental da provincia ourensá.