Novas

13.05.2022
A Xunta avanza a publicación do acordo de inicio do polígono agroforestal de Crecente
A Xunta avanza a publicación do acordo de inicio do polígono agroforestal de Crecente
Así llo confirmou o conselleiro do Medio Rural ao alcalde deste municipio pontevedrés nunha xuntanza en San Caetano na que tamén participaron os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e de Defensa do Monte. O polígono terá unha superficie de arredor de 45 hectáreas, repartidas en 391 parcelas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará en breve o acordo de inicio para a posta en marcha do polígono de Mandelos, no concello de Crecente. Así llo confirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, ao alcalde deste municipio pontevedrés, Julio César García-Luengo, nunha xuntanza de traballo en San Caetano na que tamén participaron os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

A publicación no DOG é un trámite necesario para o desenvolvemento desta iniciativa, enmarcada nos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que teñen como obxectivo fundamental a posta en valor de parcelas en situación de abandono ou infrautilización. Neste caso concreto, o polígono terá unha superficie de arredor de 45 hectáreas, repartidas en 391 parcelas. A súa orientación preferente será a de cultivo e aproveitamento forestal. Un espazo para usos vinculados, por exemplo, coa conservación de masas de frondosas en áreas de ribeira e actividade agropecuaria.

Neste encontro avaliáronse tamén as diferentes posibilidades de colaboración entre a Xunta e o Concello en materia de infraestruturas rurais neste municipio. Así, abordáronse diversas vías de cooperación neste sentido, centradas na mellora de camiños de titularidade municipal, así como doutras instalacións relacionadas co agro.


Prevención de incendios

A maiores, avanzouse no traballo conxunto de prevención e defensa contra incendios forestais, en relación coa participación municipal nestas tarefas, tanto no que atinxe ao axeitado mantemento da biomasa como a labores de apoio á extinción, en caso necesario. Neste sentido, os responsables da Consellería e o rexedor puxeron de relevo a delimitación en Crecente dun Perímetro de Alto Risco de Incendios (PARI) en vías de titularidade municipal, declarado en 2021 e que abrangue dez quilómetros e 11,9 hectáreas.