Novas

24.11.2023
A Xunta avanza que os primeiros espazos agrarios de experimentación serán postos en marcha no 2024
s primeiros espazos agrarios de experimentación serán postos en marcha no 2024

Na súa intervención, o titular do Medio Rural indicou que a posta en marcha do primeiro espazo será na aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, cuxa orientación estará dedicada á horta en ecolóxico. Lembrou todo o traballo desenvolto dende o 2021 arredor da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia e os instrumentos de mobilización que nela se regulan. Tamén puxo de relevo a figura das concentracións parcelarias e lembrou o Manual para a integración ambiental e paisaxística da reestruturación parcelaria, froito da colaboración entre a Consellería e o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés, Santé, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na inauguración da I Noite Galega da Enxeñaría Agronómica, organizada no Hostal dos Reis Católicos pola fundación Enxeñaría Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia. Na súa intervención, o titular do Medio Rural avanzou que os primeiros espazos agrarios de experimentación serán postos en marcha no vindeiro 2024.

Precisamente, a posta en marcha do primeiro espazo será na aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, cuxa orientación estará dedicada á horta en ecolóxico. Espazos coma este, segundo explicou, pretenden facilitar que as persoas mozas ou emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, favorecendo a remuda xeracional e a fixación de poboación no noso rural.

Así mesmo, José González lembrou todo o traballo desenvolto ao redor da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia e os instrumentos de mobilización que nela se regulan. Unha Lei cuxa configuración, ademais, estivo marcada pola colaboración por parte do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia a través de diversas aportacións durante o trámite parlamentario, mediante a divulgación do contido da norma -unha vez aprobada- e, na actualidade, axudando na súa implementación.

Nesta liña, José González incidiu no acordo marco para a contratación da primeira fase dos traballos para a posta a punto dos polígonos agroforestais, publicado neste 2023 cun orzamento de 3,6 millóns, e que tamén conta para o seu desenvolvemento con profesionais titulados do Máster en Enxeñaría Agronómica ou de Montes e graduados en Enxeñaría Agrícola Forestal.


35.000 hectáreas mobilizadas nesta lexislatura

Sobre as repercusións da Lei de recuperación, o titular do Medio Rural destacou que esta norma, xunto coa Lei de mellorada estrutura territorial de Galicia -coloquialmente coñecida como Metaga-, permitiu mobilizar xa máis de 35.000 hectáreas dende o 2020 na comunidade galega. Así, Galicia xa conta con 21 aldeas modelo declaradas, que suman unha superficie de máis de 574 hectáreas, e 26 polígonos agroforestais de iniciativa pública en distintas fases de execución, que suman máis de 9.100 hectáreas recuperadas.

Sen esquecer as permutas de especial interese agrario, ferramentas clave para a reestruturación da propiedade baseadas sempre nun intercambio consensuado, bilateral e recíproco, asegurou o conselleiro. Neste sentido, no vindeiro 2024 o Goberno galego seguirá apostando pola aplicación e desenvolvemento desta lexislación, cun investimento superior aos 7,3 millóns de euros co obxecto de continuar co traballo feito ata o momento.


Desenvolvemento do catálogo de usos agropecuarios e forestais

O titular do Medio Rural tamén puxo de relevo a figura das concentracións parcelarias que, segundo explicou, é un puntal fundamental no que apoiar unha actuación integral, que optimiza todas as liñas de inversión facilitadas pola Administración e permite o despegue definitivo socioeconómico do campo galego. Así, lembrou o Manual para a integración ambiental e paisaxística da reestruturación parcelaria, froito da colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos, que vén de presentarse no pasado mes de outubro.

Nesta liña, José González destacou o éxito desta figura, coa que xa se entregaron milleiros de títulos de propiedade. Só dende o 2020, xa son 29 parcelarias as rematadas ata o momento, abarcando unha superficie de máis de 19.500 hectáreas e beneficiando máis de 14.000 propietarios, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade. Mais tamén puxo a vista nos títulos que quedan por entregar, pois son 29 as novas concentracións decretadas entre os anos 2021 e 2023 dende a aprobación da Metaga.

Por último, o conselleiro lembrou que este 2023 darase remate ao primeiro paso do desenvolvemento do Catálogo de usos agropecuarios e forestais de Galicia, a planificación por excelencia dos usos agroforestais. Un punto de inflexión para seguir avanzando na recuperación da terra agraria de Galicia, asegurou.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas