Novas

12.02.2023
A Xunta destaca a aposta pola gandaría de vacún en extensivo na aldea modelo de Reboredo, no Pereiro de Aguiar
A Xunta destaca a aposta pola gandaría de vacún en extensivo na aldea modelo de Reboredo, no Pereiro de Aguiar
O conselleiro comprobou en persona esta iniciativa que vai da man da cooperativa Gandaría SMAD, e que permite xerar riqueza ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Esta aldea conta cunha superficie de 15,13 hectáreas arredor do núcleo que busca dinamizar, dividida en 158 parcelas de 95 propietarios. Desde a entrada en vigor da Lei de recuperación, en maio de 2021, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria. Está aberto o prazo de solicitude das axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais, dotada con 2 millóns de euros

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a aldea modelo de Reboredo, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén e do alcalde, Luis Menor. Alí puido comprobar a posta en produción de gando vacún en extensivo, da man da cooperativa Gandaría SMAD.

Neste senso, José González lembrou que esta aldea modelo conta cunha superficie de 15,13 hectáreas arredor do núcleo que busca dinamizar, dividida en 158 parcelas de 95 propietarios. Así, para os vindeiros cinco anos, a Gandaría SMAD arrendou unha superficie de case 8 hectáreas co obxectivo de poñer a producir unha gandaría en extensivo de raza Rubia galega.

Desta forma, sinalou o conselleiro, a través desta práctica, conséguese recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. Precisamente, estes son os principais obxectivos destas figuras de mobilización de terra, que puxo en marcha a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

De feito, destacou José González, a día de hoxe están declaradas en Galicia un total de 21 aldeas modelo, que están a mobilizar 574 hectáreas de superficie. No tocante á provincia de Ourense, son 14 aldeas modelo as aprobadas -incluído a de Reboredo-, xunto coa de Trelle en Toén, que tamén se atopa nesta mesma comarca.

A estas cifras, súmanse as hectáreas que se están a mobilizar nos 21 polígonos agroforestais -15 na provincia de Ourense- e nas permutas de interese agrario. Desta forma, desde que se puxo en vigor a Lei de recuperación estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de terra que estaba abandonada ou infrautilizada, tamén mediante a figura das permutas.


Dinamización dos núcleos rurais

Durante a súa visita, o titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento puxo a disposición dos concellos axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. A convocatoria deste ano desta liña de axudas permanece aberta cun orzamento de algo máis de 2 millóns de euros.

Con estas achegas, búscase un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Así mesmo, o concello do Pereiro de Aguiar foi beneficiario de dúas subvencións para esta aldea de Reboredo na convocatoria correspondente ao ano 2022.

Así, a primeira das achegas foi para mellorar o alumeado público con sistemas de aforro enerxético na aldea, contando cunha achega da Consellería de algo máis de 48.000 euros. Mentres, a segunda achega, foi para a renovación das redes de saneamento e abastecemento do núcleo da aldea modelo, para o que contaron con case 49.000 euros.