A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou na inauguración deste evento que ofrecerá ao público a oportunidade de descubrir produtos de artesanía e alimentación, entre outras propostas.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou na inauguración da XVII Feira de Artesanía de Outeiro de Rei, onde destacou a importancia deste tipo de eventos como motor de dinamización e desenvolvemento para o rural galego, ademais do papel fundamental que teñen as feiras locais na promoción dos produtos artesáns e agroalimentarios de proximidade.
Ao longo da xornada, os visitantes poderán gozar dunha ampla programación de actividades repartidas nun total de 88 postos, nas que destacan especialmente as seccións de artesanía, alimentación e as degustacións gratuítas. Na área de artesanía a feira ofrece unha gran variedade de produtos como cerámica, cestería, traballos en madeira ou traxes rexionais, ademais de demostracións en vivo dos oficios como a olaría, o tallado ou o torneado.
Pola súa banda, a sección de alimentación conta con 21 postos nos que se poderán atopar produtos de panadería, embutidos de León, distintas variedades de queixos e produtos ecolóxicos da horta, entre outros. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de degustar hamburguesas elaboradas con porco celta, da man da Asociación Asoporcel.
